NOTICIA

----

María Xosé Porteiro reivindica un maior feminismo para unha maior democracia

A escritora, xornalista e expolítica María Xosé Porteiro (Madrid, 1952) participou esta tarde nunha nova xornada do ciclo Pensarmos, que organiza a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega. Baixo o título de “A perplexidade democrática”, ofreceu un relatorio no que apuntou que estamos nun cambio de época que afecta á calidade da democracia, apuntou ás causas do seu desgaste e apuntou aos principais desafíos aos que se enfronta no século XXI. Na súa opinión cómpre “máis feminismo para máis democracia” e destacou que só unha cuarta parte da poboación vive nunha democracia plena. Luisa Martínez, membro da sección, ofreceu a réplica nunha sesión que inauguraron o vicepresidente, Xosé Manoel Núñez Seixas, e a coordinadora da Sección Celia Pereira.

“A sociedade occidental vén experimentando nos últimos anos grandes cambios sociais que xeran perplexidade e desasosego en moita xente que os sente como unha perda de control sobre as súas vidas e as súas necesidades”, comezou María Xosé Porteiro. Segundo a propia relatora, esta afirmación, que extraeu do segundo Cume pola Democracia organizado polo Partido Demócrata Europeo, foi a súa fonte de inspiración para articular unha intervención que xirou arredor da calidade da democracia, do seus desafíos e tamén das súas contradicións.

O desgaste na confianza cara ao poder do sistema democrático foi un dos primeiros puntos sobre os que Porteiro chamou a atención, unha circunstancia que, segundo ela, se reflicte nos resultados electorais dos países occidentais con tradición democrática. Ademais, subliñou que “a mocidade é a máis escéptica a respecto da eficacia da democracia” debido ao “sentimento de frustración co sistema que lles aboca á precariedade económica e á dependencia familiar”. En referencia ao estado da democracia a nivel mundial, Porteiro serviuse dos datos publicados por The Economist para remarcar que “algo menos da cuarta parte da poboación mundial vive en réximes de democracia plena”.

Cambio de época

Porteiro afirmou que estamos inmersos nun cambio de época, motivado polas fames, guerras, pestes e o cambio climático. Neste escenario hai un fenómeno crucial que é o feminismo. “É o como grande movemento social globalizado, imparable desde hai dous séculos e medio, que avanza á mesma velocidade que permiten as tecnoloxías da información e da comunicación para a propagación das ideas en tempo real de aquí e agora” afirmou. Na súa opinión, cómpre velo coma un movemento transformador, “non como unha guerra que procure a aniquilación de ninguén. Porén, está sendo contrarrestada nunha resposta tamén globalizada para evitar que academos o noso obxectivo de subverter a poderosa, mais caduca, orde patriarcal”.

Na súa intervención abordou tamén un asunto relevante para Galicia como é o voto desde o exterior para o case medio millón de galegas e galegos que viven fora da Galicia europea. Lembrou que “a lei de Memoria democrática revocou a obrigatoriedade do voto rogado e volve recuperarse un dereito que, ao perderse, fixo caer a participación electoral do 30% que estaba antes de 2011 ao 3% das últimas eleccións” ao tempo que destacou que nova lei permite ampliar os requisitos para adquirir a nacionalidade e, polo tanto, o censo de residentes ausentes con dereito a voto.

Para rematar apuntou a necesidade de reflexionar sobre a tecnoloxía. “As mesmas redes que crean oportunidades económicas, melloran a calidade de vida e amplían a participación política tamén brindan as ferramentas de organización e xestión necesarias para os ataques violentos contra a estabilidade nacional” explicou.

Pensarmos
A cita desta tarde insírese no ciclo Pensarmos, unha proposta de charlas, debates e intercambio de ideas coa que se busca abordar os problemas da actualidade. Todas as citas deste ano 2023 xiran arredor da calidade da democracia. Anteriormente, a posverdade, os fascismos dixitais, as tecnopersoas, a precarización da vida, a perda de liberdades, a deterioración medioambiental ou o poshumanismo foron algúns dos temas que se trataron no marco deste foro, polo que pasaron xa máis dunha vintena de conferenciantes como, por exemplo, Maggy Barrère, Javier Vilanova, Belén Gopegui ou Juan Jacinto Muñoz-Rengel, por citar algúns dos máis recentes. Todas as intervencións están gravadas e, salvo desexo expreso dos autores, pódense consultar a través do sitio web institucional ou na nosa canle de YouTube.

Sección de Pensamento
Esta cita está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, coordinada por Celia Pereira Porto e que ten como membros a Mariló Candedo Gunturiz, Francisco Castro Veloso, Francisco Xosé Fernández Naval, Ana Isabel García Arias, Nieves Herrero, Luisa Martínez Lorenzo, Xoán Antonio Pérez Lema e Juan Tallón. Ademais do ciclo Pensarmos, a Sección organiza periodicamente outras actividades, entre as que destacan a revisión de figuras relevantes no mundo do pensamento e a análise da conexión que tiveron con Galicia persoeiros como Martin Heidegger, Simone Weil, Albert Camus, Hannah Arendt ou Karl Marx.