NOTICIA

----

Diferentes entidades lembran conxuntamente o legado do Seminario de Estudos Galegos

Un congreso científico, diferentes exposicións, numerosas conferencias, varias publicacións, múltiples roteiros e outros recursos materiais conforman a variada actividade que unha ducia de entidades, vencelladas ao Seminario de Estudos Galegos (SEG) ou aos seus membros, deseñaron para celebrar o centenario da súa creación. “É unha programación concibida como un proxecto de país, conxunto, no que cada un colabora na medida das súas posibilidades” apuntou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG) na presentación da programación. Idea na que tamén incidiu Margarita Ledo, secretaria da Real Academia Galega quen engadiu que “o Seminario foi un operador da idea de país na que foi a nosa década marabillosa”. Pola súa banda, Concha Losada, presidenta do Museo do Pobo Galego, destacou que o SEG foi “unha organización para o estudo do país, para o país e polo país”. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, apuntou na presentación que “confío que aparezan novos fondos e documentos duns pioneiro que soñaron cunha Galicia mellor e que imaxinaron as estruturas de país”. A programación, que arrinca esta semana e se estende ao longo do ano, pódese consultar nun espazo web creado específicamente para a ocasión.

En 1923, nove estudantes mozos (Alberto Vidán Freiría, Fermín Bouza-Brey, Xosé Pena Pena, Xulián Magariños Negreira, Ramón Francisco Romero Lema, Wenceslao Requejo Buet, Xosé Filgueira Valverde, Lois Tobío Fernández e Ramón Martínez López) de distintos cursos da Universidade de Santiago, coa complicidade do catedrático Armando Cotarelo Valledor, deciden xuntar esforzos nun proxecto de investigación e divulgación da cultura galega. Ese traballo común é o que move, cen anos despois, a unha nutrida representación das institucións culturais galegas a unirse e deseñar unha programación que condensa as liñas de traballo que desenvolveron os membros do Seminario de Estudos Galegos (SEG), ao tempo que favorece alianzas e evita duplicidades nos actos de homenaxe. O Consello da Cultura Galega (CCG) asumiu as funcións de coordinación ao facilitar un espazo web que acubilla todas as actividades programadas ao longo deste ano, que se poden agrupar en cinco grandes bloques. A programación busca estar en sintonía co tipo de accións que desenvolveu o SEG ao tempo que reivindica a vixencia do seu legado.

Á presentación das actividades previstas asistiron tamén Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Ana Isabel Vázquez, directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura; os netos de Losada Diéguez, Malala e Patricio Núñez Losada, en representación da Fundación Losada; Susana Reboreda, da Universidade de Vigo; María Jesús Fortes Alén, do Museo de Pontevedra; Amparo Rubio, do Instituto de Estudos Galegos do Padre Sarmiento, e os concelleiros de Ames David Santomil e Natividad González. Desculparon a súa ausencia das fundacións Fraguas, Castelao, Filgueira Valverde e Isla Couto, máis os da Universidade da Coruña e Santiago.

Cinco áreas de traballo

O primeiro bloque da programación ten que ver coa investigación e a divulgación e toma a forma de congresos, seminarios e conferencias. As actividades, que se estenderán ao longo de todo o ano, pretenden evocar o papel e a pegada cultural do labor do SEG e a participación feminina nel, así como a memoria e homenaxe dos principais protagonistas en diferentes localidades. Xa en outubro, coincidindo co mes en que se fundou o Seminario, concéntranse varias actividades: o Museo de Pontevedra organiza durante ese mes un ciclo de sesións monográficas no que fará un repaso das figuras máis significativas do SEG en Pontevedra; pola súa banda, o Consello da Cultura Galega desenvolverá os días 10 e 11 de outubro outro congreso para afondar nas cuestións históricas e culturais vencelladas ao Seminario.

A segunda liña de traballo son os proxectos expositivos. A Xunta de Galicia, xunto coa Fundación Cidade da Cultura, proxecta para xuño a mostra Luz na terra. A obra do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936) , comisariada por Ramón Villares. A exposición está concibida como celebración do centenario da fundación do SEG, pero tamén como unha posta en valor dunha obra colectiva que tratou de actuar de acordo coas esixencias do seu tempo para lograr a modernización da cultura galega e a súa proxección exterior. A Biblioteca de Galicia peneirará os seus fondos para organizar unha mostra bibliográfica sobre a conmemoración. Ademais, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, que conserva seis volumes dos arquivos do SEG procedentes dos fondos da Comisión de Monumentos, exhibirá con periodicidade mensual cada un deses volumes no seu proxecto divulgativo A peza do mes.

Os membros do SEG crearon un innovador e xenuíno sistema de investigación que denominaron “xeiras”. As seccións do Seminario acordaban estudar unha comarca e todos os membros dispoñibles desprazábanse, arredor dunha semana, para traballar directamente e ao mesmo tempo sobre o terreo, co obxectivo de aplicar un enfoque integral cunha perspectiva multi e interdisciplinar. Visitaban xacementos arqueolóxicos, igrexas, pazos e romarías, realizaban análises xeolóxicas… e o resultado deses estudos recollíase nun volume. Nesta terceira liña de actuación recupérase o espírito das xeiras coa proposta de itinerarios, roteiros e visitas guiadas relacionadas co SEG. A Universidade de Vigo ten programadas dúas xeiras (unha en Allariz e outra en Ribadavia) e o Museo de Pontevedra organiza outra na comarca de Deza. A Universidade de Santiago ofrece dúas visitas guiadas arredor da obra de Isidro Parga Pondal e Luís Iglesias Iglesias polas salas do Museo de Historia Natural da USC, vencelladas coa Sección de Ciencias do Seminario.

A cuarta liña de acción son as publicacións. O Museo de Pontevedra presentará unha edición facsimilar do Romance dunha fatal ocasión, poema dedicado a Castelao polos membros do SEG en 1935. Pola súa banda, a Real Academia Galega (RAG) publicará en dous volumes unha recompilación de escritos sobre o idioma producidos entre 1916 e 1936, dúas décadas que marcaron notables avances para o galego nos que o Seminario tivo moito que ver, xunto ás Irmandades da Fala e o grupo Nós, actores culturais todos eles imbricados entre si. Ademais, a Xunta de Galicia reeditará dous libros: Testemuñas e perspectivas en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos (Edicións do Castro, 1977), que recolle a perspectiva sobre o SEG de distintos persoeiros relevantes da cultura galega; e Terras do Deza, que difunde os traballos de recollida que os membros do SEG fixeron na comarca de Deza e que estaban en proceso de edición antes da Guerra Civil.

O último bloque de traballo son os recursos materiais (audiovisuais, sonoros, documentais…) que permitirán completar a información sobre o Seminario. Dentro desta liña inclúese o Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega, que incorpora esta semana sete novas entradas, coas que chega xa a 65 biografías de homes e mulleres vencellados ao SEG.