NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega traduce ao galego Como levar unha vida honesta, o manual para príncipes de Martiño de Dumio

“Que as túas opinións sexan xuízos” ou “non finxas ser o que non es, nin queiras semellar máis do que es” son algúns dos consellos que figuran en Formula vitae honestae, un compendio de ética natural que o monxe Martiño de Dumio, na altura arcebispo de Braga, escribiu por petición do rei Miro cara ao ano 570. Foi un éxito na Europa medieval do momento: consérvanse 675 copias latinas do texto nas bibliotecas máis prestixiosas do mundo. O libro de consellos, inspirados no estoicismo e nas catro virtudes cardinais de Platón, chegou a circular naquela época atribuído a Séneca. Agora, arredor da festividade de Martiño de Dumio, que se celebra o 20 de marzo, o Consello da Cultura Galega (CCG) pon na rede a tradución ao galego do texto dentro da publicación Como levar unha vida honesta. Consellos de Martiño de Dumio a Miro, rei de Galicia, unha edición coordinada por Manuel Gago que conta con cinco textos contextualizadores.

Cando o rei Miro accedeu á coroa do reino suevo de Gallaecia encargoulle ao seu mestre, o monxe Martiño, bispo de Dumio e recentemente nomeado arcebispo de Braga, un tratado con leccións para afrontar a vida e o goberno. Martiño de Dumio cumpriu co seu encargo coa Formula vitae honestae, un breve compendio de ética natural, dirixido aos laicos, para levar unha vida honesta, tratar a soberbia ou desenvolver a humildade, no que recolle as ensinanzas dos autores clásicos e dos primeiros pais da doutrina cristiá. “Con este libro celebramos a presenza do legado intelectual de Martiño de Dumio na cultura galega, e o impacto que puido ter sobre a monarquía sueva e a sociedade contemporánea”, afirma a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, na introdución do libro, na que asegura que tamén permite crebar tópicos. “Tratados coma Fórmula para unha vista honesta confróntannos coa imaxe romántica tan estendida do colapso do Imperio provocado polas invasións bárbaras, a civilización destruída pola barbarie”, e, por suposto, “permítennos poñer voz a un tempo que con demasiada frecuencia non a tivo; e facelo nunha dimensión, a da xestión do poder, que enriqueza a nosa visión desa época”, explica Rosario Álvarez.

A epístola con que Martiño de Dumio respondeu á petición do rei Miro é un compendio de ética natural fundado nas catro virtudes cardinais de Platón e inspirado no estoicismo de Marco Aurelio e Séneca. Foi coñecido como “o libro das catro virtudes”: a prudencia, a fortaleza, a temperanza e a xustiza. Considérase unha achega pioneira ao que logo sería a educación dos príncipes cristiáns europeos da Idade Media.

O tratado gozou dunha enorme difusión na Europa medieval, pois consérvanse 675 copias latinas do texto nas máis prestixiosas bibliotecas de mosteiros, pazos e universidades de todo o continente, como a Biblioteca Nacional de Francia, as bibliotecas das universidades de Oxford e Cambridge, a Biblioteca de Baviera (Múnic), a Biblioteca Vaticana, a Biblioteca Nacional de Austria, o Trinity College de Dublín, a Universidade de Uppsala ou a Biblioteca da Universidade de Edimburgo. A elas hai que lles sumar traducións a linguas romances como o francés, o italiano ou o castelán nos últimos séculos da Idade Media. A partir do século X, nalgunhas das copias o libro comezou a ser atribuído ao filósofo romano Séneca. Foi o poeta italiano Petrarca o primeiro autor en decatarse de que estaba falsamente atribuído e en recuperar a autoría orixinal.

Martiño de Dumio foi unha figura de extraordinaria relevancia cultural e relixiosa na Gallaecia tardoantiga. O monxe procedía do Mediterráneo oriental e desde o seu mosteiro en Dumio, nas proximidades de Braga, exerceu un importante labor recollendo o saber do reino clásico, convertendo a elite dirixente sueva do reino de Gallaecia ao catolicismo e escribindo obras como De correctione rusticorum, na que critica (e ao mesmo tempo describe) as antigas crenzas pagás do territorio.

A edición
A edición realizada polo Consello da Cultura Galega foi coordinada por Manuel Gago, xornalista cultural, que explica que “o título do libro está adaptado pensando no seu diálogo co público contemporáneo, Como levar unha vida honesta, e xoga cos libros de autoaxuda tan en voga no mercado editorial actual”.

O texto, moi breve, foi traducido ao galego polo latinista Xosé Antonio López Silva, quen tamén asina un texto contextualizador no que analiza a importancia do protagonista e de todo o período suevo de Galicia na construción do imaxinario colectivo e do universo simbólico do galeguismo. O ilustrador ourensán Celsius Pictor elaborou dúas imaxes orixinais que se atopan entre o debuxo histórico, a alegoría simbólica e o humor, reflectindo o encontro entre galaicorromanos e suevos que daría lugar á futura Galicia.

O historiador Anselmo López Carreira traza unha panorámica da Galicia sueva a partir de elementos institucionais, relixiosos e culturais. A tamén historiadora Rebecca A. Devlin, especializada na transición entre a Idade Antiga e a Idade Media, salienta as alianzas de conveniencia entre a poboación galaicorromana (nomeadamente as elites da nobreza e dos bispos) e os estranxeiros suevos. O arqueólogo José Carlos Sánchez Pardo mostra que a Galicia sueva non era unha rexión nin illada nin periférica; fai un repaso polas relacións comerciais, político-militares, diplomáticas, eclesiásticas, artísticas e culturais, e mostra os contactos internacionais por vía marítima ou terrestre, tanto co mundo atlántico como coas rexións mediterráneas e mais con outras rexións continentais, entre as que salienta a Galia. O latinista J. Eduardo López Pereira traza unha panorámica do esplendor cultural neste período da historia (Exeria, Orosio, Hidacio), cunha atención especial ao contacto lingüístico entre os galaicorromanos, que xa asumiran o latín como lingua de comunicación, e os suevos, que, a diferenza doutros pobos xermánicos, chegan sen coñeceren a lingua do Imperio.

Os marcos temporais e culturais nos que foi producida, as claves sobre a natureza e finalidade da obra e os seus verdadeiros destinatarios, así como o impulso e vicisitudes da transmisión textual e as consecuencias colaterais na atribución da autoría, chegan da man de Laura Ranero Riestra, autora dunha tese de doutoramento sobre esta Formula vitae honestae. Pecha o volume un texto de Manuel Gago que esculca na rede para recoñecer os contidos máis recorrentes como definidores do país e da identidade.

Xornada
Ademais da publicación, o Consello da Cultura Galega organiza o vindeiro 11 de abril unha xornada na que os diferentes estudosos ofrecerán tamén unha visión de conxunto sobre o tempo, a política e a cultura na época de Martiño de Dumio e o encontro da cultura galega moderna coa súa figura. Ese día participarán Xosé Antonio López Silva, Eduardo López Pereira, Manuel Gago, José Carlos Sánchez Pardo, Laura Ranero e Anselmo López Carreira.