Nada no seo dunha familia fortemente arraigada na sociedade compostelá, Daría Vilariño estudou Filosofía e Letras, na Sección de Historia, na Universidade de Santiago de Compostela, titulación que obtivo en 1950. Ao ano seguinte comezou a impartir docencia nun colexio de Negreira ata que, no curso 1951-1952, foi nomeada axudante de clases prácticas de Historia da Arte na universidade compostelá, na que permaneceu ata 1955.
Posteriormente, traballou na Biblioteca Pública de Santiago e alí foi designada facultativa interina en 1957. Nese mesmo ano superou as oposicións de auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos e, en 1959, as do corpo facultativo de arquiveiros, bibliotecarios e arqueólogos. Foi nese momento cando se incorporou á Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela (BUSC), da que foi subdirectora en 1970 e directora en 1973, cargo que ocupou ata a súa xubilación en 1993. Durante a súa traxectoria na BUSC, tal e como subliña María Virtudes Pardo na biografía que asina no Álbum de Galicia, Daría Vilariño tivo un claro obxectivo: “conseguir que na Universidade prenda e se desenvolva a idea de ‘biblioteca universitaria’ como un proxecto conxunto cunha actuación uniforme”. Malia que o seu traballo non tiña o “apoio suficiente por parte do mundo académico, foi decisivo para a consecución do cambio desexado”, continúa María Virtudes Pardo.
A dotación de corenta novas prazas, a aparición da BUSC nos estatutos da universidade en 1985 ou a creación do seu primeiro regulamento, no que se definía como “unha unidade funcional de apoio á docencia e a investigación”, foron algúns dos cambios que se lograron. Tamén comezou a funcionar a Comisión da Biblioteca Universitaria e concretáronse as distintas unidades bibliotecarias. Na década de 1990 empezou a desenvolverse a automatización de procesos e servizos na BUSC, transformación que coincidiu coa xubilación de Daría Vilariño por imperativo legal en 1993. Como ela mesma afirmaba, chegáralle “no momento xusto”, xa que o vórtice “das novas tecnoloxías non cadraba moito co seu espírito”, explica María Virtudes Pardo. O ano en que se xubilou, concedéuselle a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago e a Medalla de Bronce de Galicia.
Daría Vilariño foi membro da Comisión do Catálogo Colectivo Automatizado de Publicacións Periódicas de Galicia, do Consello de Bibliotecas de Galicia (1995-2005) e da comisión asesora da Xunta de Galicia no proxecto de planificación da Fundación Cidade da Cultura de Galicia (1999-2005). Ademais, colaborou coa Federación de Libreiros de Galicia e, entre 1981 e 2008, traballou co Equipo de Investigación Galicia ata 1500: Fontes e Bibliografía, baixo a dirección de Manuel Cecilio Díaz y Díaz.
Xunto co seu gusto polas artes e, en especial, pola escultura galega, María Virtudes Pardo destaca que Vilariño foi unha “firme defensora do labor de arquivos e bibliotecas”. Así, “sabedora de que unha importante parte da documentación da familia Vilariño tiña especial relevancia para a historia de Santiago de Compostela desde o século XIX a principios do século XX, chegou ao acordo coa súa familia de facer unha doazón ao Arquivo de Galicia no ano 2015”, continúa. Froito desa doazón, fíxose unha exposición nas dependencias do Arquivo na Cidade da Cultura. A ligazón que dá acceso á visita virtual desa mostra inclúese nos materiais que forman parte da súa biografía no Álbum de Galicia.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 660 entradas, das cales as máis recentes son as de Mulheres Transgredindo, Xosé Manuel Olveira (“Pico”), Suso Vaamonde e Manuel Rodríguez Alonso.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.