NOTICIA

----

Recuperada a conferencia de Slavoj Zizek no CCG sobre a tolerancia

Películas como Apocalypse Now, o pensamento de Claude Lefort ou conceptos como o de liberdade de elección ou Dereitos Humanos servíronlle a Slavoj Zizek para explicar que determinados problemas que hoxe se definen baixo o paraugas da “intolerancia”, noutro momento histórico serían cualificados de “explotación” ou simplemente de “inxustiza”. O filósofo esloveno foi unha das figuras que participou no ciclo “O(s) sentido(s) da(s) cultura” cun relatorio titulado “A tolerancia como categoría ideolóxica”. É unha das conferencias destacadas que visibilizamos da traxectoria da institución no ano en que cumpre o seu corenta aniversario.

A conferencia que Zizek pronunciou no CCG (en inglés) no ano 2003 pretendía ser unha reflexión sobre a relación que se establece entre cultura e política e a presenza dos valores ou hábitos occidentais como elemento calibrador dos actos dos seres humanos.


Fondos dos 40 anos
O Consello da Cultura Galega cumpre en 2023 corenta anos. No marco das actividades deseñada para celebrar a efeméride, hai unha liña encamiñada a visibilizar a historia da entidade neste tempo. Unha desas accións consiste en poñer na rede, de carácter mensual, unha conferencia relevante que se pronunciara no marco da súa edición.