NOTICIA

----

O proxecto Sophias chega este venres ao Vello Cárcere de Lugo

Sophias é a serie web de ficción coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, contribúen a divulgar o pensamento de mulleres destacadas da historia. A responsable do proxecto, Carme Adán, e Tareixa Ferreiro, da Deputación de Lugo, presentan no centro sociocultural “O vello cárcere” (venres 10, 19:30 horas) esta iniciativa que está formada por sete episodios que se achegan ás ideas de figuras coma Simone Weil, Simone de Beauvoir, Hannah Arendt, Judith Butler ou María Xosé Agra. Participarán no coloquio posterior á proxección as actrices Marta Pérez e María Roja; Manuel Torres e Cristina de la Torre.

Sophias toma o seu nome do concepto grego de sofía, que significa sabedoría, para darlle resposta á demanda dun grupo de profesoras e profesores de Filosofía de dispor de contidos audiovisuais para introducir o pensamento das mulleres no ámbito escolar. O proxecto escolma autoras destacadas da historia do pensamento e céntrase nos temas de debate que abriron para contalos nun formato breve e nunha linguaxe audiovisual contemporánea. Pretenden ser mostra do seu xenio e capacidade para dialogar co contexto histórico e social, incluíndo o tema da exclusión das mulleres do espazo público e da creación de coñecementos. Cristina de la Torre é a responsable dos vídeos, que contaron con guión de Carme Adán, Iolanda Martínez, Manuel Torres, Jorge Álvarez, María del Toro, Celia Pereira, Zeltia Laya e África López Souto.

Sete capítulos
A serie web está protagonizada por Marta (interpretada por Marta Pérez) e María (María Roja), dúas compañeiras de traballo que, nos seus encontros, atopan sempre un motivo para filosofar coas ideas das mulleres que forman parte da historia do pensamento. O primeiro capítulo, titulado “Póker de sabias”, aborda as filósofas da época antiga e medieval, como Aspasia de Mileto, Safo de Lesbos, Hipatia ou Hildegarda de Bingen. O segundo, “Iluminadas”, afonda nas voces de Mary Wollstonecraft e Olympe de Gouges, invisibilizadas en favor de Rousseau ou Kant, referentes do Século das Luces. Elas reivindicaban que a muller fose tida en conta como suxeito social e incorporada en igualdade á nova orde social. O terceiro capítulo é “A filósofa do sacho” e céntrase na pensadora e activista Simone Weil, que, malia o seu falecemento cando tiña só 34 anos, deixou unha obra extensa e profunda marcada pola revisión do marxismo e a mística. Pensaba desde a palabra, pero tamén desde a acción, inspirada pola súas experiencias como obreira e membro da resistencia antifascista.

Simone de Beauvoir protagoniza o cuarto capítulo, “Movendo os marcos”, no que se propón unha reflexión sobre como vería a pensadora máis coñecida da historia os avances presentes en igualdade.

O quinto capítulo, “Hannah”, introduce o pensamento de Hannah Arendt, filósofa do século XX que reflexionou sobre a deriva social cara os totalitarismos.

Un xogo de capas narrativas e visuais con parada e fonda no Entroido galego é a proposta do capítulo sete, onde se repasan as ideas de Judith Butler respecto á identidade sexual e os tipos de violencia, temas que centran algúns dos seus traballos.

O proxecto tamén destina un capítulo, “Cancelo Agra”, a falar de María Xosé Agra, a muller máis importante da filosofía galega tanto polas achegas do seu pensamento, centrado na idea de xustiza e igualdade, como polo seu labor na documentación, investigación e divulgación dos movementos feministas e de diversidade de xénero en Galicia. A propia Agra estivo na presentación e ofreceu unha conferencia sobre a importancia das mulleres na historia da filosofía.

O proxecto preestreouse no marco do II Festival de Filosofía de Galicia, que se desenvolveu entre Santiago e Ourense a finais de outubro, e co que se buscaba achegar o pensamento dunha maneira lúdica e festiva.