NOTICIA

----

Completada a edición da obra cimeira de Martín Sarmiento

O Museo de Pontevedra acolleu este martes a presentación dun proxecto longamente acariñado polo Consello da Cultura Galega (CCG). Trátase da culminación da edición De historia natural y de todo género de erudición. Obra de 660 pliegos, obra cimeira que contén o pensamento de Martín Sarmiento que foi realizada en colaboración co Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, presentaron os cinco volumes deste proxecto, que naceu en 2002 baixo a coordinación de Henrique Monteagudo. O investigador e María Álvarez Lires explicaron a relevancia desta edición, que permite poñer á disposición pública o pensamento dunha figura sobranceira do Século das Luces.

A edición completa da obra De historia natural y de todo género de erudición. Obra de 660 pliegos, foi un proceso que se estendeu durante vinte anos. “Sarmiento comezou a escribir esta obra cando tiña sesenta anos, xa de idade avanzada e con problemas de mobilidade, e nela falou de todos os asuntos que lle preocupaban”, explicou o editor dos volumes e coordinador do proxecto, Henrique Monteagudo. A obra completa é unha especie de compendio dos intereses temáticos do autor e un dos seus traballos máis significativos. Na obra abórdanse asuntos como a historia natural, a economía, a educación, a agricultura ou as orixes da poesía. Sarmiento traballou nela durante case catro anos, de aí a súa descomunal extensión, na que toca practicamente todos os asuntos dos que Sarmiento se ocupou ao longo da súa vida. Nela, aclara Monteagudo, “amósase o seu característico estilo discursivo, co que vai abordando unha gran variedade de asuntos sen orde nin designio particular”. De feito, ao final, Sarmiento produciu unha especie de compilación na que volve sobre gran parte dos temas que tocara en escritos previos e repite, revisa e rectifica informacións e puntos de vista previamente expresados. Son seis millóns e medio de caracteres que funcionan a modo de “enciclopedia labiríntica”, nun compendio moi persoal sobre o que o propio autor explicou que eran “sacudimientos de mi mente”. Segundo aclarou Monteagudo, esta edición é moi relevante porque “ a súa obra estaba dispersa en citas, por fragmentos puntuais, pero non recollida dunha maneira global”.

O orixinal perdeuse, pero consérvase unha copia elaborada por Pedro Alonso de Salanova y Guilarte, que traballou directamente sobre o autógrafo con Sarmiento aínda vivo. Sospéitase que o título final mesmo foi obra do copista. Esta copia ocupa cinco grosos tomos, numerados do XIII ao XVII, e forma parte da compilación máis ampla e de mellor calidade dos escritos de Martín Sarmiento, coñecida como Colección Medina Sidonia. Esta constaba inicialmente de 17 tomos, aos que postumamente se engadiron algúns materiais que conformaron un ou dous máis. Os catro primeiros tomos (XIII, XIV, XV e XVI) custódianse na súa localización orixinal, o arquivo da Fundación Casa Medina Sidonia, situado en Sanlúcar de Barrameda (Cádiz), mentres que o último se garda no Museo de Pontevedra, o que acrecenta a pertinencia da presentación neste espazo.

Algunhas partes desta inxente obra editáronse e circularon de forma independente, como Jardín medicinal de pobres ou La educación de los niños. Porén, todos os estudosos de Sarmiento citan con frecuencia a Obra de 660 pliegos como unha obra de referencia para ter información precisa sobre a súa vida, obra e pensamento.

Os últimos chanzos do proxecto
O proxecto Obras de Martín Sarmiento botou a andar en 2002 baixo a coordinación do profesor Henrique Monteagudo, coa participación dun equipo de investigación interdisciplinario. Tiña como obxectivo editar a obra inédita de frei Martín Sarmiento, acompañada dun proceso de localización, recuperación, transcrición e estudo, ao tempo que se levaba a cabo a elaboración dun rexistro exhaustivo de fondos manuscritos. Nos inicios elaborouse o devandito rexistro e unha bibliografía de textos publicados por Sarmiento, traballo que deu paso á realización dun índice completo dos escritos.

Ademais, tras a localización, levouse a cabo a reprodución fotográfica dixital da totalidade da Colección Media Sidonia. Tamén se dispuxo da reprodución en microfilme da Colección Dávila (na Biblioteca Nacional) e en microficha da Colección Los Heros (da Real Academia de la Historia). Igualmente, dispúxose da reprodución en fotocopia ou fotografía (microfilme ou microficha) de todos os manuscritos autógrafos localizados e de numerosas copias de diferentes escritos.

Foi así como se puxo en marcha o proceso de edición da Obra de 660 pliegos, que consta da transcrición íntegra dos tomos, acompañada da reprodución de debuxos e figuras do orixinal, así como dunha selección de láminas citadas polo autor. En 2008 publicáronse os volumes II, III e IV, mentres que o I e o V saíron en 2022, ano do 250º aniversario do pasamento de Sarmiento. Nese mesmo ano levouse a cabo un simposio anticipo dun volume de estudos que verá a luz neste 2023.