NOTICIA

----

Audiovisuais, fondos documentais e nova entrada no Álbum de Galicia para conmemorar o 8 de marzo

A acción do Consello da Cultura Galega (CCG) arredor do movemento feminista e da situación das mulleres desenvólvese de xeito permanente e continuado ao longo de todo o ano, nomeadamente a través do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF). Con todo, arredor da data 8 de marzo, Día das Mulleres, desenvólvense algunhas accións concretas. Coma vén sendo habitual, en colaboración coa Filmoteca de Galicia, prográmanse audiovisuais que foron producidos ou dirixidos por mulleres no ciclo Olladas de muller ; a Hemeroteca Feminista A Saia sobe dúas novas cabeceiras para contribuír a visibilizar os fondos dos movementos feministas e LGTBIQ+ na historia contemporánea. O Álbum de Galicia inclúe a entrada do colectivo Mulheres transgrendindo e o especial de Proxector de marzo xunta vídeos sobre a situación das mulleres.

A primeira das accións desenvolvidas polo CCG arrincou o pasado 3 de marzo co xa tradicional ciclo de cinema Olladas de muller que busca amosar a creación vencellada a Galicia, con traballos que amosan a notable e plural nómina de nomes propios femininos e, polo outro, unha serie de destacados traballos do cine estatal e internacional recente. O programa desenvolvido en colaboración co CGAI estrutúrase nesta edición en 10 sesións, a maioría delas compostas por unha longametraxe xunto a unha curta de autoría galega. No marco deste ciclo poderase ver a autofición da premio Nobel de Literatura Annie Ernaux Los años de Súper 8 dará paso aos efluvios da Nouvelle Vague en estado puro de La amiga de mi amiga de Zaida Carmona. Unha aproximación a Isak Dinesen, Karen de María Pérez, impregna tamén a correspondencia no espello con La visita y el jardín secreto de Irene M. Borrego, ou o misterio da artista Isabel Santaló e as lembranzas de Antonio López. Os abusos sexuais de El techo amarillo de Isabel Coixet, o nacemento dun fillo en Tempo comum de Susana Nobre e o periplo carcelario de 981 Gau de Arantza Santesteban. Canda a eles, veranse os últimos traballos de Sonia Méndez, Xisela Franco, Maria Ruído, Adriana Páramo, Rosario Sarmiento, Diana Toucedo, Carla Andrade, Alicia López, Cora Peña ou Lucía Estévez.

De Proxector a Álbum de Galicia

Xa máis preto da data, os diferentes departamentos do CCG prestan atención á reivindicación nas súas liñas de traballo. O Álbum de Galicia incorpora a entrada do colectivo Mulheres Transgredindo, unha nova incorporación dun colectivo existiu entre 2003 e 2010, en torno á Casa Encantada, casa okupada situada daquela na rúa Castrón D’Ouro de Compostela. Un grupo numeroso de mulleres de diferentes tradicións políticas que coincidían na forma de entender a loita feminista. A entrada, foi asinada polo propio colectivo, que se disolveu en 2010, en parte pola desaparición do espazo e en parte pola creación da Rede Feminista Galega. O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, CDSG, dedicou ás “Mulleres que abriron as fendas que nós cruzamos” os contidos deste mes de Proxector, iniciativa que desenvolve coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Unha ducia de recursos audiovisuais permiten coñecer a figura de mulleres que foron referentes en diferentes eidos, como a filosofía, a xeoloxía, a enfermería, a química ou as matemáticas.

Ademais, este martes botou a andar EscriturAs, un ciclo coordinado por Inma López Silva que busca reflexionar, desde unha perspectiva feminina e feminista, sobre os cambios experimentados nos discursos artísticos, xornalísticos e intelectuais durante os últimos anos. Marilar Aleixandre e Laura Fernández protagonizaron a primeira sesión.

A saia
Ademais, no marco do proxecto A Saia ofrécense dúas cabeceiras. Dunha banda, Xénero Humano, publicación institucional ilustrada editada en Ourense coa pretensión de abranguer todo tipo de asuntos de interese relacionados coas mulleres desta cidade: temas a debate, memoria, mulleres destacadas e acción institucional. Formou parte dos plans de igualdade promovidos polo Concello de Ourense, editor dos tres números e autodefiniuse como ferramenta para a igualdade. Desta publicación destaca, polo seu valor histórico, a reprodución de fotografías procedentes de arquivos familiares e públicos. Da outra banda, preséntanse os 15 números que conforman a terceira xeira da segunda época da publicación de Andaina. Revista galega de pensamento feminista (2009-2013) . Nadia Álvarez Fernández, Ana Arellano, Patricia Arias Chachero, Celia Balboa Guerra, Ana Luisa Bouza Santiago, Dalila Dopazo, Zélia Garcia, Laura Gómez Lorenzo, María Teresa Gómez Louzao, Pilar Pérez Rey, Saleta de Salvador Agra, Nanina Santos Castroviejo, Iria Vázquez e Estrela Villaverde conforman o consello de redacción que mantén continuidade na numeración, seccións e número de páxinas, aínda que actualiza o deseño.