NOTICIA

----

Proxector recompila vídeos sobre mulleres pioneiras no avance da ciencia e o coñecemento

“Mulleres que abriron as fendas que nós cruzamos” é o título do novo especial de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nesta nova entrega reúnense unha ducia de recursos audiovisuais que permiten coñecer a figura de mulleres que foron referentes en diferentes eidos, como a filosofía, a xeoloxía, a enfermería, a química ou as matemáticas. Con este especial, o CCG súmase á conmemoración do Día Internacional da Muller, unha cita que se celebra anualmente para reclamar a igualdade e a participación das mulleres en todos os ámbitos da sociedade.

“Só unha de cada tres persoas que se dedican á investigación científica é muller”, comeza o especial, que destaca tamén o feito de que ás mulleres se lles conceden menos recursos económicos para a investigación e que teñen menos posibilidades de promoción que os homes. Á invisibilización, á falta de recoñecemento e á exclusión dos círculos profesionais únenselles novas barreiras chegadas coa era dixital, que contribuíu a afondar “no crecemento da brecha de xénero e nas desigualdades económicas e sociais de forma xeral”, tal e como subliña o especial.

Os doce vídeos que se escolmaron para este nova entrega de Proxector afondan nas achegas de diferentes mulleres que foron pioneiras nas súas áreas de coñecemento. Aspasia de Mileto, Safo de Lesbos, Hipatia ou Hildegarda de Bingen, figuras destacadas da filosofía da época antiga e medieval, protagonizan a peza coa que abre este especial. O episodio, titulado “Póker de sabias”, forma parte da serie web de ficción Sophias, elaborada polo Consello da Cultura Galega para divulgar as ideas de mulleres relevantes na historia do pensamento. Así mesmo, a vida e obra de Hipatia, xunto coa traxectoria da matemática galega María Josefa Wonenburger, constitúe o eixe do vídeo “Chiquicuriosidades”, elaborado polas alumnas de 4º de ESO do IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra) Sara Marco, Carmen Caeiro e Sofía Caramés. No campo matemático sobresaíu tamén a inglesa Ada Lovelace, segundo explican Sara Ramos López e Uxía Varela Castro, alumnas do IES Afonso X O Sabio (Cambre), en “A primeira programadora”.

No ámbito das ciencias da saúde, os recursos audiovisuais “Isabel Zendal. A muller galega que participou na 1ª campaña de vacinación” e “Elvira López Mourín: primeira enfermeira da aviación sanitaria española” ofrecen un retrato biográfico destas dúas enfermeiras galegas, pioneiras polo seu labor humanitario. No caso de Isabel Zendal, participou na Real Expedición Filantrópica da Vacina (1803-1812), dirixida polo doutor Francisco Xavier Balmis, cuxo fin era levar a vacina da varíola a América. Mentres, Elvira López formou parte do primeiro voo de carácter sanitario da historia de España, realizado o 1 de novembro de 1922 para socorrer os feridos da batalla de Tizzi Azza en Marrocos.

As dificultades que tiveron que afrontar científicas como Ángeles Alvariño ao longo das súas carreiras profesionais polo feito de seren mulleres é un tema que se aborda, así mesmo, neste especial de Proxector. Ademais, en “Emilia Pardo Bazán. Unha muller avanzada ao seu tempo” destácase a contribución que, no século XIX, fixo esta novelista ao ocupar espazos que naquela época eran tipicamente masculinos.
Unha peza sobre Jimena Fernández de la Vega, pioneira da investigación xenética en España; un vídeo explicativo sobre a teoría tectónica de placas e o papel que nela xogou a xeóloga Marie Tharp, quen elaborou o primeiro mapa do fondo oceánico e constatou a existencia das dorsais, e outro no que se expón a relación de Marie Curie co radio constitúen outros dos audiovisuais que se inclúen neste especial. Pechan a entrega a conversa coa astrofísica Jocelyn Bell, descubridora dos púlsares, e un vídeo de TED no que a científica Anushka Naiknaware afonda en que son as feridas crónicas e en como, con catorce anos, ideou un sensor para controlar o seu proceso de curación.

O proxecto
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.