NOTICIA

----

Marilar Aleixandre e Laura Fernández protagonizan a primeira sesión do ciclo EscriturAs

“Transgresoras e exitosas. De malas mulleres a señoras que non son Santa Claus” é o título da sesión coa que o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) abre o ciclo EscriturAs. Esta iniciativa busca reflexionar, desde unha perspectiva feminina e feminista, sobre os cambios experimentados nos discursos artísticos, xornalísticos e intelectuais durante os últimos anos. A primeira sesión, que terá lugar mañá, 7 de marzo (18:00 horas), xunta a Marilar Aleixandre e a Laura Fernández para conversar arredor da posibilidade de lograr o éxito desde a disidencia. Modera este diálogo Inma López Silva, coordinadora da actividade xunto con Rexina Rodríguez Vega. A cita é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e as redes sociais da institución.

Na primeira sesión do novo ciclo Marilar Aleixandre, Premio Nacional de Narrativa en 2022 pola súa obra As malas mulleres, e Laura Fernández, crítica literaria e musical, xornalista e autora, entre outras, da novela La señora Potter no es exactamente Santa Claus (2021), conversarán sobre se o éxito se pode lograr desde a disidencia. Ademais, as convidadas reflexionarán arredor do propio concepto do éxito aplicado a un espazo tan esvaradío e volátil como é o campo literario. A sesión, que se desenvolverá en formato dialogado, estará moderada por Inma López Silva.

O ciclo EscriturAs

A renovación estética, a diversificación dos discursos ou o anovamento dos pensares experimentados nos discursos artísticos, xornalísticos e intelectuais durante os últimos anos só se poden explicar desde a aceptación da responsabilidade das mulleres intelectuais no xiro discursivo. Con EscriturAs, o CDIF busca abrir un espazo de reflexión e crítica arredor destes cambios, mais dando voz a esa perspectiva feminina e feminista que activa e cuestiona o campo cultural desde unha posición sempre heterodoxa. O ciclo propón xuntar as voces de mulleres creadoras (só) aparentemente diferentes co fin de que debatan, reflexionen e cuestionen o mundo cultural en que cada unha delas se move.

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos

A cita está organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega, coordinado por Carme Adán Villamarín e que ten como membros a Luz Darriba, Montse Fajardo Pérez, Paz Filgueira Paz, Inma López Silva, Cristina López Villar, Mariám Mariño Costales, Luzia Oca González, María Dolores Pereira Oliveira, Ana Belén Puñal Rama e Rexina Rodríguez Vega. Entre as súas actividades destaca a organización do ciclo Literarias todas, un espazo de reflexión entre escritoras, axentes do espazo literario galego e o público lector que tivo como convidadas, na última xornada realizada en setembro, a María Alonso Seisdedos, Fina Casalderrey e Ledicia Costas. Así mesmo, o CDIF é o responsable do Álbum de Mulleres, destinado a dar visibilidade e facilitar o acceso á información, imaxes, escritas, traballos e traxectorias de mulleres galegas ou relacionadas con Galicia.