NOTICIA

----

O Álbum de Galicia incorpora a entrada do cantautor Suso Vaamonde

Suso Vaamonde (Ponte Caldelas, Pontevedra, 1950 – Vigo, 2000) destacou, no panorama musical galego, por ser un dos cantautores máis comprometidos na loita pola defensa do seu pobo e da súa lingua. De feito, foi un dos primeiros en musicar as obras dos poetas da terra e en reivindicar a poesía galega e o vencello da literatura co pobo. Ademais, fixo importantes achegas á música infantil e mesmo contribuíu á súa renovación. Fernando Fernández Rego é o autor da súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Nado en Ponte Caldelas, Suso Vaamonde comezou a tocar cando era moi novo e, con apenas 16 anos, deuse a coñecer na Asociación Cultural de Vigo. Os seu inicios foron en formacións como Os Copens e Marco Balorento, cun estilo que se enmarcaba dentro do beat e do rock, aínda que coa primeira se achegou tamén ao folk e á música de Bob Dylan, Joan Báez ou Peter, Paul & Mary, entre outros. Nese momento, comezou a compoñer as súas primeiras cancións en galego.

“Logo chegan os tempos de Voces Ceibes”, sinala Fernando Fernández Rego, quen tamén explica como “en 1974 Suso Vaamonde grava furtivamente en Barcelona a casete Loitando (Iberia Cultura, 1975)”, na que musicaba algúns dos poemas de Celso Emilio Ferreiro, Curros Enríquez ou Ramón Cabanillas. Ademais, nela incluíanse cancións que chegaron a ser das máis importantes do seu repertorio, como “Uah!”. Dous anos despois gravou o seu primeiro LP, Nin rosmar un laído (Movieplay/Xeira, 1977) , traballo no que participaron Pilocha, Verbas Xeitosas ou Fuxan os Ventos e do que forma parte “Volvín á terra pro perdín o amor”. Esta composición, con letra de Bernardino Graña, chegou a ser “unha das máis grandes cancións da música galega”, en palabras de Fernández Rego. Un audio no que se pode escoitar a canción interpretada polo propio Vaamonde forma parte dos materiais que se poden consultar na súa entrada do Álbum de Galicia.

“O compromiso de Suso foi moi alto, e levouno incluso a sacrificar a súa liberdade persoal e a ter que vivir no exilio político”, continúa Fernández Rego. De feito, a raíz dun incidente acontecido cando participaba nun recital antinuclear en Pontevedra, foi condenado por “inxurias á Patria con publicidade” a seis anos e un día de prisión. Vaamonde exiliouse primeiro a Londres e logo a Alemaña, e finalmente instalouse en Caracas. En 1984 regresou a Galicia, mais, froito daquela condena, tivo que permanecer 46 días na prisión de Ourense ata que recibiu o indulto grazas ás presións que exerceu o senador socialista Xaime Barreiro, antigo compañeiro en Voces Ceibes.

O cantautor creou o seu propio selo discográfico, Trebón, para promocionar a súa propia música e a doutros artistas, e foi membro fundador, xunto co seu irmán Luis, do grupo A Roda. Así mesmo, destacan as achegas que fixo á música infantil con discos como Os soños na gaiola (Dial/Limoeiro, 1978), dedicado a Manuel María; Cantarolas pra xente miúda (Dial, 1986), centrado na poesía de Neira Vilas, ou Rapazas, rapaces e rapazadas (Trebón, 1998), no que incluíu poemas de Uxío Novoneyra e Bernardino Graña, entre outros.

Suso Vaamonde faleceu en Vigo o 16 de febreiro do ano 2000, mais “deixounos unha colección de cancións a reivindicar ademais de axudar a apuntalar a música galega e en galego”, subliña Fernández Rego. “Directa ou indirectamente, artistas como Suso Vaamonde ou Andrés do Barro definiron a canción galega, deixándolles un fermoso e importante legado ás futuras xeracións”, conclúe.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 650 entradas, das cales as máis recentes son as de Manuel Rodríguez Alonso, Juan Antonio Saco Arce, Paz López Facal e Antonio Noriega Varela.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.