NOTICIA

----

Profesionais destacan nunha xornada a evolución da lei en materia de violencia de xénero

A situación mudou moito nos últimos anos e avanzan as melloras en materia de violencia de xénero. E as cifras así o reforzan. As denuncias interpostas por mulleres subiron un 7% no último ano. Pero a normativa tamén ten eivas e atrancos. Sobre iso falaron diferentes profesionais e técnicos no Consello da Cultura Galega (CCG) na xornada “Violencias machistas: análises e retos”. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na inauguración a complexidade deste tema “no que cada vez que pensamos que temos unha resposta, atopamos outra pregunta que nos convoca, que nos fai pensar e que require que busquemos unha contestación”. Destacou o labor do Consello da Cultura Galega para abordar estas cuestións dende perspectivas diferentes, xa que semella que “non ten fin o problema da violencia exercida contra as mulleres, nin os problemas e os retos cos que nos imos atopando de maneira continuada”. Pola súa banda, Carme Adán, coordinadora da xornada xunto con Paz Filgueira, apuntou a importancia desta actividade para “construír colectivamente máis coñecemento a respecto das violencias”, ámbito no que “temos moito camiño feito a través da lexislación, dende o movemento feminista e dende o pensamento feminista”. Paz Filgueira engadiu que o espírito destas xornadas é o de realizar “unha avaliación para que se coñeza a situación e a evolución en materia de violencia de xénero”.

“Tense que realizar unha análise crítica pero construtiva sobre a situación actual no ámbito penal e xudicial no que estamos ante a violencia sobre a muller, resaltando as labores realizadas especialmente despois da entrada en vigor do Pacto de Estado en setembro 2017” explicou Paz Filgueira, unha das coordinadoras desta cita, que tamén apuntou que “todos os avances significativos sen materia de persecución, control e penalización das situacións penais, e reforzar a idea dos grandes déficits que coexisten no sistema actual”. Na xornada expúxose dunha forma técnica o que levou consigo a reforma da lei sobre a liberdade e indemnidade sexual sobre os seus efectos e alcance resaltando o valor e o termo “consentimento” debe ser interpretado dacordo cos parámetros sociais de cada momento histórico. Tendo en conta que a base de toda estas reformas legais e estruturais só poderían ser posibles co activismo social. Activismo sen o cal sería imposible o avance estrutural cara un futuro de plena igualdade.

A sesión
A sesión matinal abriuse coa intervención de María Ángeles Carmona Vergara, presidenta do Observatorio contra la Violencia Doméstica y de Género, que pronunciou o relatorio “Pacto de Estado: cinco anos despois”. Nel, ademais de analizar as evolucións e cambios que se produciron dende a entrada en vigor dese pacto contra a violencia de xénero, achegou unha visión comparativa de como está Galicia no ámbito da violencia con respecto á situación estatal. A nivel positivo, destacou que “as denuncias que se presentan en Galicia cada ano no ámbito da violencia contra a muller tiveron unha evolución exponencial á alza e, no último ano, subiu un 7 %”, o que indica que “se denuncia máis”. Carmona Vergara subliñou que este feito amosa como “un delito que estaba silenciado, que estaba tolerado pola sociedade e que, en moitas ocasións, a sociedade vía como un problema de parella, se converteu nun problema da sociedade, nunha cuestión de Estado, nun delito público e perseguible de oficio”. Así mesmo, tamén puxo o foco nas sentencias condenatorias promulgadas no último ano, unha porcentaxe que en Galicia se sitúa no 82 % e que reflicte “que cada vez se vai perfeccionando máis o sistema”. As medidas penais e as ordes de protección “subiron en Galicia un 2,6 % no último ano, o que tamén é unha boa nova, porque se está protexendo máis ás mulleres e estanse adoptando medidas de carácter xudicial e policial”, subliñou María Ángeles Carmona. A ruralidade como factor determinante da maior parte dos feminicidios foi un dos aspectos que tamén abordou no seu relatorio e afirmou que o feito de ser nai supón un factor de vulnerabilidade para que as mulleres sufran violencia extrema. Con respecto ás leis estatais, María Ángeles Carmona afirmou que “temos unha lexislación moi avanzada, das máis avanzadas do mundo” e amosouse confiada en que “se seguimos traballando, se non dámos pasos atrás, conseguiremos o obxectivo que queremos: que non haxa ningún caso de violencia machista”.

A continuación, interveu Patricia Faraldo, unha das persoas implicadas na elaboración do informe a favor da Lei do “Só si é si”, para profundar no modelo adoptado na reforma e no aspectos que hai diferentes nesta nova Lei con respecto á regulación anterior, así como nas razóns políticas e técnicas que están detrás da contrarreforma. Patricia explicou que o caso da Manada puxo sobre a mesa que se estaba aplicando unha normativa desfasada, que se centraba no comportamento da vítima e a regulación deixaba menos protexida ás mulleres que se bloqueaban ante unha agresión. “O cambio de modelo implicaba un consentimento afirmativo que trouxo críticas vitriólicas e en parte porque foi mal explicado” apuntou. Na súa intervención detallou que a lei produciu cambios moi importantes en varios ámbitos, e tamén no penal. “A lei recolle o consentimento afirmativo pero tamén os atenuantes e os antecedentes, o comportamento.... e recolle mellor que o anterior sistema a forma en que, na práctica, se expresa a aceptación dunha relación sexual e impide que o consentimento se poida inferir do silencio ou da falta de resistencia da vítima” apuntou.
Na súa opinión houbo un problema de comunicación que fixo que non se explicara ben á sociedade, nin o obxectivo da lei nin a súa calidade técnica. Recoñeceu que hai aspectos mellorables na aplicación da regulación retroactiva e a insistencia non contribuíron a un diálogo produtivo e á poboación tampouco se lle explicou ben. “Non é un lei penal que vai moito máis alá das penas, que prevé medidas de sensibilización, formación, que prevé medidas de acompañamento e de reparación..)” apuntou. Concluíu que “as loitas de poder dentro do feminismo e entre os partidos de esquerdas poden atoparse coas axendas conservadores e as tendencias punitivistas da sociedade para producir a tormenta perfecta, unha turbulencia na que pode naufragar mesmo unha lei deseñada para protexer mellor ás víctimas de violación”.

Pola tarde, Inma López Silva moderou a mesa de relatorios “Violencia machista no ámbito xudicial”. Nela participaron Montse Fajardo, integrante do CDIF e autora de Invisibles; Ana López-Suevos, maxistrada do Xulgado de Instrución nº 1 de Santiago de Compostela, e a vicerreitora de Internacionalización da Universidade de Vigo, Maribel del Pozo Triviño.

Outras noticias que che poden interesar