NOTICIA

----

O Xacobeo, as Tanxugueiras e o filme As bestas, principais eventos da cultura galega en 2022 segundo os xestores culturais

A programación cultural do Xacobeo (22,3%), as Tanxugueiras no Benidorm Fest (21,1%) e os concertos do Son do Camiño (10,4%) son os principais eventos, accións culturais, persoas ou entidades máis destacadas no ámbito da cultura galega en 2022, segundo a percepción das persoas responsables das entidades culturais en Galicia. Así figura no adianto da quinta entrega do Barómetro da Cultura Galega, iniciativa realizada polo Observatorio da Cultura Galega, entidade dependente do Consello da Cultura Galega (CCG).

Os primeiros resultados deste documento, central para coñecer a situación da cultura galega, sitúan na cuarta posición o filme As bestas, citado polo 5,6% das persoas entrevistadas (o estudo fíxose antes da celebración da gala dos Goya) e cuxa repercusión se deixa sentir tamén noutras categorías, como a mención a Luis Zahera (1,6%) e a algúns dos profesionais que conforman a categoría colectiva de “outros actores e actrices destacados” (1,1%). O avance do Barómetro da Cultura Galega tamén salienta o bo momento do sector audiovisual. Defíneo dun xeito xenérico como a “visibilidade do audiovisual galego”, que, co 5,4%, figura no sexto lugar da táboa, seguido da mención a outros actores, como Luís Tosar (1%) ou Carlos Blanco (0,3%); aos filmes O que arde (0,7%) e O corpo aberto (0,6%), ou á curtametraxe Esliva (0,4%). Nese mesmo posto compiten series como Rapa (0,4%) e outros eventos do sector, como os Premios Mestre Mateo (2,2%), Cineuropa (0,9%) ou o Festival de Cans (0,7%).

A música ocupa tamén un lugar destacado nos eventos e accións culturais máis relevantes do ano pasado. Os festivais suman un 5,5%, porcentaxe na que non se inclúen citas concretas como o Resurrection Fest (2%), o Festival Sinsal (1%), o Festival da Luz (0,8%) e o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira (0,8%). En relación coa música, ademais do fenómeno das Tanxugueiras, tamén se mencionan especificamente outros artistas como Sés (1%), Baiuca (0,6%), Xabier Díaz (0,4%) ou Carlos Núñez (0,4%) e institucións musicais como a Orquestra Sinfónica de Galicia (1,3%) e a Real Filharmonía de Galicia (0,9%).

No sector teatral o avance do Barómetro destaca o grupo Chévere, coa súa obra N.E.V.E.R.M.O.R.E. (1,7%), e no literario a Marilar Aleixandre, Premio Nacional de Narrativa (1,6%). Tamén salienta o descenso de once puntos da opción “Non sabe/non contesta”, que acadara en 2021 un 36,6%.

Barómetro da Cultura Galega
En 2020 o Consello da Cultura Galega promoveu a elaboración do Barómetro da Cultura Galega, un conxunto de traballos de investigación cuxo obxectivo é describir o estado, a evolución, as necesidades e as perspectivas das entidades culturais galegas.