NOTICIA

----

A programación das Letras lembra o destacado papel de Fernández del Riego

A programación do Consello da Cultura Galega (CCG) para esta edición do Día das Letras Galegas busca recoñecer tanto a faceta poliédrica de Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 - Vigo, 2010) como o seu inesgotable traballo en prol da cultura do país. As actividades, presentadas esta mañá na Cidade da Cultura xunto con todas as institucións implicadas na celebración, seguen fieis ás liñas de traballo habitual do CCG: o concerto institucional como antesala festiva ao Día das Letras, unha publicación facsimilar con estudo crítico e un web que concentra todos os recursos que o CCG ten sobre a figura homenaxeada. A presidenta, Rosario Álvarez, destacou que Del Riego foi “un intelectual e activista cultural de xenerosa e inesgotable entrega a Galicia e unha figura moi querida por toda a sociedade galega”. O Concerto das Letras Galegas (16 de maio, Teatro Afundación Vigo) correrá a cargo da Real Filharmonía de Galicia e do Coro de Cámara Rías Baixas, e no programa destaca a estrea de Sinfonietta, peza en tres movementos elaborada expresamente para a ocasión por Brais González Pérez (Vigo, 1987) a partir de textos de Salvador García Bodaño e Xaime Isla Couto, así como a interpretación de A miña burriña, peza moi querida por Fernández del Riego.

“Fernández del Riego soubo ser ponte entre xeracións, entre a Galicia territorial e a que estaba na diáspora e, coa nosa programación, procuraremos estar á altura da homenaxe que Galicia lle debe ao protagonista deste ano” afirmou a presidenta Rosario Álvarez, ao tempo que explicou que “hai unha parte que é conmemorativa, de festa, e tamén hai outra de dispoñibilizar materiais e recursos para que as persoas que queiran amplien coñecemento e axuden a difundir a súa figura”.

O pasado 7 de xaneiro, coincidindo co aniversario do nacemento de Del Riego, o Consello da Cultura Galega puxo en rede un espazo web que concentra todos os materiais e recursos desenvolvidos ou promovidos pola institución arredor da figura de Francisco Fernández del Riego. Inclúe información biográfica, audios, audiovisuais e outros materiais, entre os que destacan os fondos epistolarios de Fernández del Riego que se conservan no Consello da Cultura e o “Cartafol de prensa”, coa publicación das súas colaboracións xornalísticas na prensa da emigración en América.

Esta foi a primeira acción do CCG, á que seguirán, como vén sendo habitual, un concerto e unha publicación. No mes das Letras presentarase a edición facsimilar da obra Na espera do amigo, publicada en Vigo por Edicións Aguatinta (1994) con ilustración de Laxeiro. Contará con estudos introdutorios de Xosé López González, Carlos López Bernárdez e Beatriz Liz de Cea máis a nota de Román Pereiro, que foi o responsable de que este proxecto vira a luz hai case vinte anos desde Aguatinta. Con motivo da presentación, que terá lugar en Vigo, levarase a cabo unha mesa redonda sobre as relacións de Fernández del Riego co mundo artístico e cultural da cidade olívica.

O CCG realizará tamén outras actividades máis alá do mes de maio. En novembro organizará na localidade de nacemento do homenaxeado, Lourenzá, unha mesa redonda sobre as relacións de Fernández del Riego coa emigración galega e o seu papel como colaborador nas publicacións da colectividade galega en América.

Actividade central: o Concerto das Letras Galegas
A décimo terceira edición do Concerto das Letras Galegas, que terá lugar o serán do 16 de maio no Teatro Afundación Vigo, xira musicalmente arredor da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas, dos seus gustos e da importancia que Fernández del Riego lle daba á música. O homenaxeado desta ocasión foi un home aberto, que coñecía o que se estaba a facer musicalmente no país e que tiña unha especial predilección pola música tradicional. De neno, a súa avoa, que tocaba a guitarra, cantáballe cantigas populares, que formaron unha parte destacada da súa personalidade. Ademais, Del Riego tamén coñecía os grandes compositores da música clásica por uns veciños de Lourenzá que tocaban o piano. Estas características biográficas marcan o programa desta edición do concerto, que correrá a cargo da Real Filharmonía de Galicia e do Coro de Cámara Rías Baixas.

O concerto comezará coa Suite Vigo, do compositor Reveriano Soutullo (Ponteareas, 1880 - Madrid, 1932). Deseguido interpretarase Concerto grosso, escrito en homenaxe a Bach por Jesús Bal y Gay (Lugo, 1905 - Madrid, 1993), nunha clara conexión entre o papel de Del Riego e o que se estaba a escoitar naquel entón. A terceira peza será a obra composta para a ocasión.
Como vén sendo habitual, estrearase unha composición para orquestra e coro encargada polo CCG. Desta volta, o compositor vigués Brais González Pérez preparou unha Sinfonietta sobre textos de Xaime Isla Couto e Salvador García Bodaño dedicados a Francisco Fernández del Riego. A peza ten dous movementos corais e un instrumental que están vencellados a Del Riego a través da música e dun dato biográfico que el mesmo declarou en numerosas ocasións: o feito de que a súa melodía popular favorita era A miña burriña. Para o traballo de composición Brais González Pérez fixo tamén un labor de reestruturación de estrofas e versos a partir do texto de Salvador García Bodaño.