Nado en Alongos, Juan Antonio Saco Arce tivo unha fonda vocación relixiosa que o levou, logo de cursar o bacharelato en Filosofía (1850), a licenciarse en Teoloxía (1858) e a ordenarse presbítero (1861). En 1863 superou as oposicións á cátedra de Latín e Grego e trasladouse a Ourense, onde desenvolveu a totalidade da súa carreira docente.
Motivado polas súas inquedanzas intelectuais, Saco Arce involucrouse no rexurdimento cultural, literario e lingüístico que se estaba a producir naquela década en Galicia. Así, redactou a Gramática gallega, obra que constitúe “a primeira descrición gramatical científica do galego”, apunta Fernández Salgado. Ademais, comezou a poetizar en lingua galega tanto con traducións do latín como con composicións orixinais de asunto relixioso.
En 1872 Saco Arce foi nomeado académico correspondente da Real Academia Española, o que, unido á súa Gramática gallega e á publicación dun volume cos seus poemas, o converteu “nunha autoridade de referencia en cuestións lingüísticas, literarias e da nacente ciencia do Folk-Lore”, apunta Fernández Salgado. Saco Arce tamén participou na vida cultural ourensá, colaborou con El Heraldo Gallego e coa Revista de Galicia, e axudou a fundar a cabeceira católica La Nacionalidad. En 1878 prologou a obra de Xosé Pérez Ballesteros Versos en dialecto gallego, ocasión que aproveitou para pedir amparo e protección para o galego e os outros idiomas hispánicos. O seu interese polo estudo da literatura popular levouno a recoller coplas, panxoliñas, romances, contos e refráns que, posteriormente, agrupou no libro Literatura popular de Galicia.
Manuel Rodríguez Alonso
Nado na Groba, Manuel Rodríguez Alonso licenciouse en Filoloxía Románica en Santiago de Compostela e, tras opositar, acadou o grao de catedrático de instituto en Lingua Castelá e Literatura. Asentado en Pozuelo de Alarcón, combinou a docencia con traballos para unha editorial estatal, para a que produciu dicionarios, gramáticas, libros de texto e traducións.
Recoñecido polo seu labor lexicográfico, Manuel Rodríguez Alonso deixou unha fonda pegada no eido da crítica literaria pola “fondura das súas análises, a honestidade fóra de endogamias posibles e o dobre carácter literario e lingüístico do que se impregnan os seus textos”, afirma Héitor Mera na súa entrada. Ademais, destacou polo seu carácter inconformista e pola defensa do seu país, da súa lingua e da súa cultura. De feito, mentres traballaba na Facultade de Filoloxía no campus da UNED en Madrid, promoveu o nacemento da Revista de Lengua y Literatura Catalana, Gallega y Vasca, “foro que deu acubillo a moitos autores externos ás inercias da capital” e no que el mesmo publicou algúns artigos, tal e como explica Héitor Mera. Ademais, protagonizou un enfrontamento coa propia UNED ante a negativa da universidade a deixar presentar os traballos académicos noutra lingua que non fose o castelán.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.