NOTICIA

----

Mª Elena Vázquez Cendón inaugura o primeiro dos especiais Proxector de autora

“Escolma para ver e escoitar matemáticas” é o título do primeiro dos especiais Proxector de autora, no que é unha persoa especialista do tema quen se encarga de facer a súa propia recomendación e selección dos vídeos. Nesta entrega, Mª Elena Vázquez Cendón, decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e membro do plenario do Consello da Cultura Galega (CCG), recompila unha ducia de recursos audiovisuais sobre as matemáticas e os diversos usos e aplicacións que esta ciencia ten na vida cotiá da poboación. Con este especial, o CCG súmase á celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se celebra cada 11 de febreiro para promover o acceso e a participación plena das mulleres e nenas nos eidos científico e tecnolóxico. Proxector é unha iniciativa desenvolta polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

“Proxector é un paraugas invertido que nos permite mollarnos en diferentes temas de ciencia sendo o galego o seu mando. Mollarémonos nas matemáticas para sentilas ao velas e, sobre todo, escoitalas coa frecuencia seleccionada polo noso mando”, afirma Mª Elena Vázquez Cendón neste primeiro especial Proxector de autora. Na súa selección de vídeos, atópanse pezas audiovisuais que permiten afondar en como se resolven os sistemas de ecuacións lineais usando o método de Gauss ou no motivo polo cal o x é o símbolo do descoñecido.

A aplicación das matemáticas na vida cotiá da poboación é o tema central dos recursos “Sexamos positivas!”, no que se explica como se aplican os coñecementos matemáticos na construción dunha ponte; “Un mundo rodeado de matemáticas. Trigonometría”, que achega como se pode calcular a altura dunha árbore empregando un instrumento denominado teodolito e aplicando a trigonometría, ou “Por que as pompas de xabón son redondas?”, que profunda nos argumentos físicos e matemáticos que hai detrás deste feito. Ademais, incorpóranse dous recursos para repasar algúns datos de interese sobre a historia das matemáticas e dos logaritmos.

A traxectoria dalgunhas das grandes científicas centra a intervención que pronunciou Elena Vázquez Abal no ciclo de divulgación científica "Achegando a ciencia 2018". Mentres, en “A primeira programadora”, as alumnas do IES Afonso X O Sabio (Cambre) Sara Ramos e Uxía Varela presentan o labor da matemática e escritora inglesa Ada Lovelace, que se converteu na primeira programadora da historia.

A xestión de datos con R Commander, a técnica de suavización coñecida como “media móbil”, os coñecementos matemáticos que se agochan dentro das bucinas do ceramista galego Nacho Porto ou os catálogos e bases de datos que están dispoñibles actualmente para a investigación matemática, astronómica ou física completan os materiais escolmados por Mª Elena Vázquez Cendón.

O proxecto
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.