NOTICIA

----

O Observatorio da Cultura constata o impacto da tecnoloxía nos hábitos de consumo cultural

A tecnoloxía mudou a nosa maneira de relacionarnos coa cultura. Nos últimos vinte anos a asistencia trimestral ao cine baixou á metade (de 4,8 a 2,3 veces de media) e tamén descendeu a tendencia de ver a televisión e escoitar a radio (o 9,5 % e o 4,8 % menos, respectivamente). Porén, nestas dúas décadas sextuplicouse o consumo de vídeos, nomeadamente, de películas e de series. O 50,4 % da poboación ten contratada a día de hoxe algunha plataforma dixital de televisión e medra tamén o consumo cultural a través de dispositivos tecnolóxicos. Así o explica o último documento de traballo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), que leva por título Hábitos e prácticas culturais e no que se mide o comportamento cultural da cidadanía nas últimas dúas décadas.

En arredor de cen páxinas, o Observatorio da Cultura Galega debulla os datos sobre os principais hábitos de consumo para ver a súa evolución nas últimas dúas décadas. Comezando pola música, o informe conclúe que “o dato máis salientable é que, se hai vinte anos case o 90 % da poboación en Galicia non asistira nunca ou case nunca a un concerto deste tipo, actualmente esa proporción reduciuse a dous terzos”. No que ten que ver coa lectura, esta aumenta gradualmente, cun incremento do 15,4 % no número de persoas que len en comparación coas cifras de hai quince anos. En consonancia, obsérvase un importante descenso na porcentaxe de non lectores. En 2006-2007, o 38,4 % da poboación galega non lía nunca ou case nunca, un índice que caeu ata o 14, 8 % en 2021-2022.

Mantense nuns valores semellantes a asistencia á bibliotecas (o 16,4 % da poboación acode polo menos unha vez ao ano), museos (19,5 %), arquivos (4,9 %) e exposicións (20,2 %).

Os principais cambios nos nosos hábitos de consumo cultural atópanse na asistencia ao teatro e no modo de consumo audiovisual. No caso do teatro, o informe conclúe que “hai unha clara redución na porcentaxe de persoas que non acoden nunca a un teatro, que pasa dun 73,8 % no bienio 2002-2003 a un 43,4 % no 2021-2022”. Aínda que o teatro é o que rexistra un maior aumento, a danza ou a ópera sitúanse nesta mesma tendencia. Con todo, o gran cambio está na asistencia ás salas de cinema. “Ao principio da década de 2000, case a metade da poboación galega acudía ao cine algunha vez ao ano, pero ao final esta cota de asistencia xa baixara ata o 36,5 %. Posteriormente, ata 2018-2019 a afluencia foi recuperándose lentamente, pero marcou a cota máis baixa de toda a serie temporal nos anos 2020-2021, influída pola pandemia. Entre os usuarios habituais das salas de cine, a media de asistencia trimestral tamén se foi reducindo case á metade, dende unha media de 4,8 veces en 2002-2003 ata 2,3 veces en 2021-2022”. A falta de interese e de tempo e o excesivo prezo da entrada son os principais motivos deste cambio que se recollen no informe. Aínda que tamén descendeu o consumo de televisión e radio convencional (un 9,5 % e un 4,8 %, respectivamente) durante as dúas décadas estudadas, a visualización de vídeos multiplicouse por catro.

A popularización de Internet (hai vinte anos só o 22 % da poboación tiña acceso habitual a Internet, un dato que hoxe supera o 80 %) fixo que mudaran os nosos hábitos de consumo e non só para os produtos audiovisuais. Se en 2010 o 9 % da poboación escoitaba música no móbil, agora esa porcentaxe ascende ata o 55,2 %. Medrou tamén o número de persoas que teñen dispositivos para a lectura de libros electrónicos: o 7,9 % nos últimos sete anos. O informe constata, así mesmo, que hai tímidos progresos nos datos de accesos virtuais ás galerías e exposicións en liña.

A pandemia, momento decisivo

O informe establece que o confinamento foi un momento clave que “incidiu de maneira importante na xestión do ocio no fogar”. Así, aumentou a lectura e a compra de libros. Un 56,6 % da poboación leu polo menos un libro nese tempo e un 3,1 % dos galegos e galegas subscribiuse por primeira vez a prensa dixital de pago. Especialmente importante foi o incremento do consumo de audiovisuais, sobre todo de series e películas, que, se ben despois foi quizais menos intenso, conseguiu que algúns galegos e galegas se desen de alta por vez primeira en plataformas dixitais.

As restricións tamén tiveron un certo efecto positivo nas visitas virtuais a equipamentos culturais como museos, exposicións ou galerías de arte, pero a realidade é que despois moitas persoas deixaron de facelas. En cambio, si que se detecta unha pequena porcentaxe de poboación que incrementou o seu acceso ás bibliotecas dixitais despois do confinamento (3,4 %) e, sobre todo, que aumentou o consumo de concertos de música en liña (12,2 %) unha vez que se deixaron de aplicar restricións estritas de mobilidade. Con todo, dende o Observatorio tamén se apunta que haberá que agardar para ver se esta tendencia se mantén no futuro.

Galicia, sitio distinto
No informe destácanse algúns indicadores que amosan un comportamento cultural que diferencia a Galicia do conxunto de España. En primeiro lugar, hai unha maior asistencia aos concertos de música en vivo; en segundo lugar, detectouse que os fogares galegos teñen unha media de 20,4 libros máis, e en terceiro lugar, os índices de lectura de prensa e publicacións periódicas están dez puntos por riba da media estatal. Salienta tamén que o tecido asociativo cultural galego é proporcionalmente maior en Galicia (o 9,1 % da poboación galega participa nalgún colectivo, fronte ao 5,2 % de España, e o 6,5 % dos galegos contribúe financeiramente, fronte ao 3,2 % da poboación española). Con todo, as cifras xerais son baixas.

Como é lóxico, a asistencia a manifestacións de cultura tradicional e ás propias do patrimonio inmaterial, como as festas populares ou a celebración de feiras, entre outras, son prácticas culturais de grande arraigamento en Galicia, pero que espertan menos interese no conxunto de España.

Nas conclusións, o documento de traballo do Observatorio da Cultura Galega subliña dúas variables: a primeira é o incremento xeneralizado do nivel educativo da sociedade e a segunda, o condicionante familiar.

“Aproximadamente un 62 % dos proxenitores que len e un 54,9 % dos que visitan museos, monumentos ou outros sitios de interese adoitan facelo cos seus fillos. Ademais, o 63,2 % dos que van ao cinema, o 53,4 % dos que asisten a espectáculos escénicos ou musicais e o 54,5 % dos que participan noutras prácticas culturais comparten estas actividades cos seus fillos e fillas”, asegura o informe.