NOTICIA

----

A nova entrega de Voces centenarias recupera tres audios de Isaac Díaz Pardo

A polifacética figura de Isaac Díaz Pardo (Santiago, 1920 - A Coruña, 2012) protagoniza a nova entrega de Voces centenarias, un proxecto do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Os tres audios que incorpora a entrega permiten achegarnos ao seu pensamento sobre figuras como Castelao ou a súa muller, Virxinia Pereira, e tamén ao importante labor editorial desempeñado por Ediciós do Castro. Díaz Pardo é un referente perseverante pola súa poliédrica personalidade e a súa incuestionable xenerosidade.

Na figura de Isaac Díaz Pardo concorren distintos ideais que teñen como obxectivo a recuperación da memoria galeguista e o impulso das sinerxías precisas para que se constrúa unha Galicia dona de si: como pintor, ceramista e deseñador; como membro activo da colectividade en Arxentina; como promotor de Ediciós do Castro; como empresario, fornecendo o tecido industrial tanto na Galicia interior como na exterior, e tamén como intelectual, presente en foros políticos e económicos nos que se reflexiona sobre o que é e o que debe ser Galicia. Os tres audios pertencen a etapas diferentes.

O primeiro dos cortes que aparece nesta escolma é “Castelao e a arte”, título co que participou en 1999 no simposio “Castelao na Galiza do século XX”, organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Universidade da Coruña no Museo Carlos Maside. Na súa intervención, o intelectual compostelán destaca fragmentos de Sempre en Galiza nos que Castelao fala da súa arte como interpretación dos temores e das esperanzas do seu pobo.

Os dous seguintes cortes pertencen ao fondo de Radio Nacional de España (RNE) que custodia o ASG. O primeiro deles é unha entrevista do ano 1986 na que Díaz Pardo fala da lealdade de Virxinia Pereira, viúva de Castelao, cara ao seu home. Menciona tamén a María Docampo para aclarar que a secretaria do político en Nova York era en realidade unha persoa vencellada ao servizo de información do Goberno de Estados Unidos. O segundo dos cortes procedentes de RNE —e o último desta entrega de Voces centenarias— é outra entrevista que Díaz Pardo concedeu a Radio Nacional de España en 1993 con motivo do 30º aniversario da publicación do primeiro libro de Ediciós do Castro. No audio fala das liñas de traballo desta editorial indispensable: por un lado, a recuperación da memoria histórica de Galicia e, por outro, a edición de libros científicos do Seminario de Estudos Galegos.

Voces centenarias
O 13 de setembro de 2021 o Consello da Cultura Galega puxo en marcha o proxecto Voces centenarias, unha iniciativa para visibilizar mensualmente a voz de persoeiros da cultura, da política, da emigración etc. que axudaron a perfilar o noso pasado, pero tamén o noso destino presente e futuro. O proxecto incorporou neste tempo gravacións de Filgueira Valverde, Rafael Dieste, Maruxa Boga, Osorio-Tafall ou Antón Tovar.