NOTICIA

----

O Álbum de Galicia incorpora a entrada de Manuel Gómez Román, arquitecto do Seminario de Estudos Galegos

Construíu máis de dúas mil obras, a maioría en Vigo e na súa contorna, e os seus proxectos estaban influídos polo Barroco porque “para el, a orixinalidade debía de basearse na tradición, na orde e no gusto, achegando estilisticamente o edificio urbano ao pazo rural”. Así describe Xosé Ramón Fandiño o traballo de Manuel Gómez Román (Vigo, 1875 - 1964), arquitecto que formaba parte do Seminario de Estudos Galegos (SEG), na entrada que hoxe se incorpora ao Álbum de Galicia. Co gallo do centenario desta entidade, que se celebrará ao longo deste 2023, a colección bibliográfica do Consello da Cultura Galega (CCG) irá incorporando entradas das súas figuras máis destacadas.

“Manuel Gómez Román foi unha das figuras de maior sensibilidade e de personalidade máis acusada no campo da arquitectura galega contemporánea”, asegura Fandiño para referirse a un prolífico arquitecto (conta con máis de dúas mil obras) que militou no Partido Galeguista, do que foi secretario xeral na época republicana, e que foi vicepresidente da Editorial Galaxia e da Fundación Penzol na clandestinidade.

Na súa entrada, Fandiño destaca que a Gómez Román a profesión lle viña de familia. O seu pai era un afamado construtor e o seu irmán tamén era arquitecto, o que lle permitiu exercer moito antes de ter a carreira terminada. Co seu irmán gañou, en 1908, a segunda medalla correspondente á Sección de Arquitectura na Exposición de Belas Artes de Madrid. Tamén “participou na preparación da Exposición Rexional de Santiago de 1909, na que interveu nos planos como axudante do arquitecto Antonio Flórez na construción do pavillón central, que tiña forma de T, con 65 metros de fronte e 45 de fondo. O corpo central destinábase a salón de festas e contaba cunha capacidade para acoller a 1500 persoas. Era, sen dúbida, o edificio emblemático do certame”, asegura Fandiño.

Viaxou por toda Europa para coñecer as tendencias arquitectónicas da época e en 1913 estableceuse en Arxentina, onde tivo contacto coa arquitectura modernista da súa capital.

Asegura Fandiño que “dos arquitectos da chamada ‘arquitectura rexionalista’, Gómez Román foi o único que desde 1920 asumiu o compromiso político co galeguismo”. Participou en numerosas sociedades (foi presidente da sociedade cultural viguesa La Oliva e do Ateneo de Vigo, así como impulsor do grupo liberal Liga de Defensores) e participou na creación do xornal El Pueblo Gallego, do que foi vicepresidente e co que colaborou con debuxos e caricaturas.

En 1933 foi elixido membro do Seminario de Estudos Galegos e director da súa Sección de Ciencias Aplicadas. Na III Asemblea do Partido Galeguista (PG), realizada en Ourense en 1934, foi elixido secretario xeral mentres Castelao asumía a secretaría política. Participou en numerosos actos de difusión dos seus ideais e na campaña do Estatuto de 1936, e mantivo a actividade do PG na clandestinidade. “Ao fundarse a Editorial Galaxia asumiu a vicepresidencia e tamén foi vogal da Fundación Penzol, cargos que ocupou ata o seu pasamento”, consta na entrada, na que tamén se indica que foi membro da Real Academia Galega.

A súa obra arquitectónica, ademais de reflectir o seu compromiso coa tradición e coa cultura galega, consta, segundo Fandiño, de tres etapas. A primeira, de mocidade, está “marcada polo movemento modernista que busca unha linguaxe decorativa nova”. Desa etapa son os Almacéns Simeón da Porta do Sol (1907-1911) , o edificio de vivendas para Enrique Mülder (1910) na avenida Montero Ríos ou a hoxe desaparecida Casa do Pobo (1911) na avenida García Barbón. Na segunda etapa “confúndense modelos eclécticos de reencontro co clasicismo e o inicio da arquitectura rexionalista”, asegura Fandiño, e nela tamén se apunta a esporádicas incursións na arquitectura industrial. O Hospital Municipal (1917), o Banco de Vigo (1921), o edificio de vivendas para Manuel Millán (1921) ou o edificio de Correos e Telégrafos (1922) son algúns dos espazos que corresponden a este momento. A terceira etapa, asegura Fandiño, “é a época da chamada arquitectura rexionalista, a das vivendas unifamiliares que achegan estilisticamente o edificio urbano ao pazo rural. Unha arquitectura conectada co vernáculo e, sobre todo, co espectáculo pétreo da cidade de Santiago”. Otero Pedrayo dixo del que foi un “ensoñador de novas Compostelas” pola atracción que a cidade espertaba nel.

O texto biográfico tamén afonda na particular fisionomía dos proxectos de edificios urbanos que Gómez Román proxectou na cidade de Vigo e inclúe unha coda co bosquexo biográfico que lle fixo Luís Seoane. Nela aproxímao a “Andrade, Ferro Caaveiro e Casas Novoa, entre outros grandes arquitectos de Galicia pola xenerosidade e limpeza dos seus proxectos, que teñen, no seu caso, unha dignidade e austeridade só comparable, aínda sendo o seu estilo distinto, á dos construtores románicos”.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 650 entradas, das cales as máis recentes son as de Ricardo Courtier, Salvador Pérez Froiz, Salvador Cabeza de León e Xesús Carro.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.