NOTICIA

----

O Álbum de Galicia actualiza a entrada de Andrea López Chao

Mestra de profesión, a actividade de Andrea López Chao (Mondoñedo, 1874 - A Habana, 1954) estivo estreitamente vinculada ao colexio do Centro Galego da Habana, no que traballou como docente e onde chegou a ser unha das súas máis distinguidas profesoras. Ademais, tivo un destacado papel no movemento societario galego e, en especial, na defensa a prol da mellora da situación das mulleres emigradas. A aparición de novos documentos, como o discurso que pronunciou no I Congreso Nacional de Mujeres, celebrado na Habana entre o 1 e 6 de abril de 1923, motivaron a revisión e actualización da súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG). A entrada é autoría de Prudencio Viveiro.

Nada en Mondoñedo, Andrea López Chao formouse como mestra, labor que exerceu primeiro en varias escolas da contorna da súa localidade natal e, posteriormente, na capital de Cuba, destino ao que emigrou tras enviuvar. Alí, gañou por oposición o posto de directora no colexio do Centro Galego da Habana en 1904. “Xa que logo, a actividade de Andrea López debe ser encadrada dentro dunha das experiencias educativas máis importantes da emigración galega en Cuba”, subliña Prudencio Viveiro na súa entrada do Álbum de Galicia. O colexio, que levaba o nome de Concepción Arenal, era unha institución recoñecida xa non só pola súa ampla oferta docente, senón tamén por ofrecer servizos sanitarios aos emigrados varóns. As mulleres quedaban excluídas desta cobertura e, polo tanto, o seu único recurso era facer uso dos hospitais públicos cubanos.

Ante esta situación, en 1917 creouse na Habana a sociedade Hijas de Galicia, unha entidade de carácter proteccionista e asistencial para mulleres e da que Andrea López Chao chegou a ocupar a vicepresidencia no ano 1919. “Desde este lugar axudou a mellorar cada vez máis a atención sanitaria ás mulleres galegas en Cuba”, afirma Prudencio Viveiro, quen explica como foi a propia López Chao a que propuxo que o sanatorio da sociedade Hijas de Galicia se chamase Concepción Arenal.
Nesa liña a prol da defensa e protección das mulleres, participou tamén no I Congreso Nacional de Mujeres (1923), organizado pola Federación Nacional de Asociaciones Femeninas de Cuba. Nel, pronunciou un discurso en que deixa constancia do papel que, baixo o seu punto de vista, debían desempeñar as mulleres na sociedade. “A súa é unha argumentación conservadora”, apunta Prudencio Viveiro, na que sostén que a muller “debe asumir o rol de educadora de cidadáns e, para iso, debe contar necesariamente co apoio das institucións”. O texto íntegro da súa intervención foi publicado por Eco de Galicia e Galicia, dúas das revistas promovidas pola colectividade galega da Habana, e anéxase como parte dos materiais da súa entrada no Álbum de Galicia.

A capital da illa foi a residencia definitiva desta “muller galega en Cuba”, que tivo como motores vitais “a docencia, o labor societario, a preocupación pola situación das mulleres e a implicación activa para a súa mellora”, conclúe Prudencio Viveiro.