NOTICIA

----

Expertos reflexionan sobre o legado artístico de Guillermo Monroy

“Hoxe temos a vontade de pertencer a sempre” é unha frase que Guillermo Monroy pronunciou nunha conversa co seu amigo Antón Patiño e que recolle boa parte da personalidade e espírito do artista. Falecido de xeito prematuro aos 28 anos, foi quen de deixar un abraiante e maduro proxecto persoal no que chama a atención o dinamismo, a liberdade e a radical frescura que lles conferiu ás súas obras. Da súa traxectoria profesional e vital falaron esta tarde o propio Antón Patiño, Menchu Lamas, Ángel Cerviño e Ramón Rozas nunha nova sesión do ciclo Revisando a nosa arte, que, desta volta, se trasladou ao Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo. A inauguración da sesión estivo a cargo da presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez e do alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto con Manuel Quintana Martelo, coordinador da sección.

A actividade estivo organizada pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do CCG, que abre con esta unha serie de citas dedicadas a analizar a figura de artistas que formaron parte do grupo Atlántica. “Queriamos tornar a mirada cara a outro momento da nosa plástica e propoñer unha temática vinculada con autores máis contemporáneos”, subliñou o coordinador da xornada, Ramón Rozas. Así xurdiu a proposta de analizar “o que aconteceu nos anos oitenta con Atlántica e os seus compoñentes, comezando por aqueles que xa faleceron”, engadiu. Guillermo Monroy foi a figura elixida para esta primeira sesión, un artista que naceu en Navia (Asturias), pero que “estivo moi vencellado a Vigo, onde viviu toda a súa vida. Por iso, tamén nos pareceu interesante descontextualizar do propio Consello esta xornada e levala a Vigo, a un espazo artístico de relevancia como é o MARCO”, apuntou Rozas.

Tras a presentación, foi o propio Ramón Rozas quen inaugurou a sesión cun relatorio titulado “Atlántica e Monroy. De Matisse ás Cíes”, que estruturou en dúas partes: unha primeira, na que reflexionou arredor do que significou a eclosión de Atlántica a comezos dos anos oitenta e “o carácter colectivo das achegas do grupo”, e unha segunda, na que trazou “un percorrido pola vida e obra de Monroy cun carácter didáctico” e “dende unha mirada actual, afastada da melancolía”.

A continuación, interveu Ángel Cerviño para falar “da importancia que tivo Guillermo Monroy en Atlántica”. Na súa conferencia, destacou que, malia falecer novo, a súa “non é unha obra incompleta nin de xuventude”, senón ao contrario. “Estamos ante unha obra madura, completa, rematada e moi contemporánea” e que, ademais, constitúe “un legado importante para os artistas novos que están empezando a súa traxectoria”, subliñou.

A xornada concluíu coa mesa redonda “Monroy, onte e hoxe”, na que acompañaron a Ángel Cerviño dous dos artistas máis próximos vital e emocionalmente ao pintor: Menchu Lamas e Antón Patiño. “Xuntos, con Huete, fixemos Atlántica”, apuntou Patiño, quen recordou na súa intervención aquela viaxe a Nova York que realizaron os catro membros fundadores do grupo, así como a atmosfera dos faladoiros na casa do artista ou no Pincho do Gato, as súas amizades e a súa relación coa música. Lamas e Patiño profundaron tamén nas chaves da pintura de Monroy, no grande instinto cromático que tiña e no seu sentido do ritmo e a harmonía, que traspasou á súa pintura. Ademais, comentaron cales eran as súas referencias e artistas preferidos, entre os que sobresaen nomes como Matisse, De Kooning ou Nolde. “Guillermo tiña o seu estudio en San Paio de Navia, nas aforas de Vigo, un estudio fermosísimo”, apuntou Patiño, que destacou como “os seus cadros reflicten a atmosfera dese lugar: as xanelas, as flores, as paisaxes ou a praia de Samil”. De feito, malia pintar dun xeito abstracto, na súa obra recoñécense certos elementos, como as “árbores de Samil e mesmo a curva onde tivo o tráxico accidente que rematou coa súa vida”, sinalou. Ademais, da man do propio Patiño, coñecemos a existencia dun caderno que Monroy escribira mentres facía o servizo militar en Madrid. “Eran pequenos escritos en que falaba de como quería facer a súa pintura. El adaptaba con debuxos de liña o que era o seu programa artístico e vital, porque arte e vida están moi vinculadas en Guillermo Monroy”, concluíu Patiño.

Outras noticias que che poden interesar