NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega pon na rede a conferencia “Galicia na miña obra” de Nélida Piñón

“Galicia na miña obra” é o título da conferencia coa que a escritora brasileira de ascendencia galega, Nélida Piñón (Río de Janeiro, 1937-Lisboa, 2022), inaugurou a actividade da Sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega (CCG) en 2004. A súa intervención é a primeira dunha ducia de conferencias que se poñerán en rede co gallo do 40 aniversario do CCG.

“Eu comecei aquí e cando termine quero terminar tamén aquí en Galicia” comezou dicindo Nélida Piñón nunha intervención na que fai un repaso pola súa fonda relación coa cultura galega. Recoñece que ese vínculo abrangue varios aspectos: “en primeiro lugar no plano afectivo-sentimental que está sempre presente, porque o benquerer altera a túa maneira de ver o mundo; Galicia apórtame tamén fundamentos míticos que é moi importante para a afecta á miña formación pero tamén á miña persoa, porque son unha nostálxica da construción mítica. Eu son impregnada por esa formación mítica que me acompaña desde os meus inicios” explicou.

Nunha intervención que dura media hora afonda no feito de que a súa condición de familia de emigrantes marcouna para ser unha “nena diferente”. A lingua, a comida.. son aspectos que ela explicou que lle serviu para entender “a qué mundo estaba atada emocionalmente”.

A conferencia de Nélida Piñón foi a primeira actividade da Sección de Literatura e Industrias da Edición que coordinaba Víctor Freixanes.

Fondos dos 40 anos
O Consello da Cultura Galega cumpre en 2023 corenta anos. No marco das actividades deseñada para celebrar a efeméride, hai unha liña encamiñada a visibilizar a historia da entidade neste tempo. Unha desas accións consiste en poñer na rede, de carácter mensual, unha conferencia relevante que se pronunciara no marco da súa edición.