NOTICIA

----

A biografía de Salvador Cabeza de León incorpórase ao Álbum de Galicia

O catedrático de Dereito Salvador Cabeza de León (Betanzos, 1864 – Santiago de Compostela, 1934) destacou por promover, xunto con Cotarelo Valledor, a democratización e galeguización da vida académica compostelá. Ademais, foi un activo impulsor das pretensións cívicas de Galicia e participou na comisión que, en 1932, impulsou un movemento municipalista a favor da autonomía. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección biográfica que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é autoría de Xosé Ramón Fandiño.

Nado en Betanzos, Salvador Cabeza de León contaba dous anos de idade cando a súa familia se trasladou a Santiago. Alí, licenciouse en Dereito en 1884 e, tres anos máis tarde, obtivo o grao de doutor na Universidade Central. Desde esa data exerceu como profesor auxiliar ata que se converteu en catedrático de Dereito Internacional en 1903 e de Dereito Canónico en 1919. Sobre estas materias publicou diversos traballos e ensaios, centrados especialmente nas cuestións educativas e legais, en revistas como Arquivos do Seminario Galego. Ademais, escribiu o volume Historia de la Universidad de Santiago de Compostela. Materiales acopiados y transcritos por Salvador Cabeza de León, ordenados, completados y redactados por Enrique Fernández Villamil (1946-1947), publicado postumamente, así como a obra poética Primicias (1892) e o cadro dramático Camiño da vila, escrito en 1915 e publicado dous anos máis tarde.

“Máis alá das aulas e dos despachos universitarios, Cabeza de León, como rexionalista conservador, estivo comprometido coas actividades culturais e cívicas galegas do seu tempo, moi marcadas polo rexionalismo implantado por Alfredo Brañas”, apunta Xosé Ramón Fandiño na biografía que asina no Álbum de Galicia. Así, foi o vicepresidente do Comité Central Regionalista que se constituíu en Santiago en 1890 e, oito anos despois, organizou xunto con Alfredo Brañas a Liga Gallega de Santiago, unha disgregación da Asociación Regionalista Gallega da Coruña que presidía Manuel Murguía e que tiña unha inspiración máis liberal. Cabeza de León foi tamén secretario da Real Sociedade Económica de Amigos do País e membro fundador da Real Academia Galega. En 1924 ingresou no Seminario de Estudos Galegos, onde posteriormente sería elixido director da Sección de Historia (1930) e presidente tras a partida de Armando Cotarelo Valledor.
No eido cultural, foi o presidente da agrupación folclórica Cantigas e Agarimos, fundada en 1920 co propósito de recuperar, conservar e transmitir a cultura tradicional galega. Ademais, adheriuse ás Irmandades da Fala e colaborou co grupo e a revista Nós. De ideoloxía rexionalista, tradicionalista e galeguista, Cabeza de León “admitía das Irmandades que Galicia é unha nación, pois conta con tódolos atributos esenciais para iso: lingua, raza, territorio, historia, tradicións e institucións propias”, tal e como apunta Xosé Ramón Fandiño na súa entrada. En 1932 presidiu a comisión encargada de elaborar un texto para o Estatuto de autonomía axustado á Constitución. Porén, o triunfo da dereita nas eleccións que tiveron lugar en novembro de 1933 fixo imposible que o texto se aprobase nas Cortes españolas.

Na traxectoria de Cabeza de León cómpre destacar tamén que ocupou a alcaldía da cidade compostelá (1910-1914), foi o decano da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago en dúas ocasións (1920 e 1928) e foi membro correspondente das academias da Historia, de Belas Artes e Española da Lingua, así como da Sociedade Martins Sarmento e do Instituto Histórico do Minho.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 600 entradas, das cales as máis recentes son as de Xesús Carro, Chichi Campos, Luís Rei e Agustín Acevedo.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.