NOTICIA

----

O especial Historias de ida e volta achégase á traxectoria do Centro Galego de Lisboa

O 8 de novembro de 1908 fundouse en Lisboa a sociedade Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa, unha iniciativa posta en marcha por 38 mozos emigrados que querían crear unha «casa galega» na capital portuguesa. O novo especial de Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, afonda na historia deste movemento asociativo a través de vinte imaxes e documentos que amosan, por exemplo, os integrantes da súa primeira directiva ou os estatutos regulamentarios cos que se debía rexer a entidade.

Países como Cuba, Arxentina, Brasil, Venezuela, Suíza, Francia ou Reino Unido son algúns dos destinos que se mencionan a miúdo cando se fala do fenómeno migratorio galego. Porén, a principios do século XVIII, comezou a ser numerosa a presenza de galegos e galegas en Portugal. “Se analizamos o comportamento das cadeas migratorias desde moito antes da famosa etapa de emigración masiva, decatámonos de que Portugal ocupa un lugar de considerable importancia, pois foi un destino prioritario para moitos galegos, sobre todo pontevedreses e ourensáns, pola súa proximidade física e cultural”, afirma o novo especial.

Dous terzos dos emigrados a Portugal asentáronse en Porto e Lisboa. Foi precisamente na capital portuguesa onde un número de mozos iniciaron un gran movemento asociativo que derivou na fundación da Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa. A historia desta sociedade de emigrantes galegos e o papel desenvolvido polos seus promotores centran a entrega número 24 do especial Historias de ida e volta, na que se poden ver imaxes dos membros da súa primeira directiva ou dos seus estatutos sociais. Ademais, inclúese unha fotografía do carné do socio fundador número 1, Ramiro Vidal Carrera, que foi tamén o primeiro secretario que tivo a entidade.

Unha das prioridades da sociedade era acadar a solidariedade e manter os lazos de unión de todos os emigrantes galegos residentes en Lisboa, polo que era habitual que organizasen actividades que contribuían a fomentar a amizade entre eles. Xornadas de camaradaría, banquetes, paseos fluviais ou festexos en datas sinaladas (por exemplo, no luns de Entroido ou nas festas do Nadal) son algunhas das celebracións que se documentan nas imaxes que compoñen o especial Galegos en Portugal: Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa. Ademais, a asociación realizou homenaxes a figuras como Manuel Cordo Boullosa, quen doou en 1988 o edificio que se convertería na sede da sociedade. Algúns dos seus membros participaron tamén noutros actos, como na inauguración do monumento que os padroneses emigrados a Uruguai erixiron en recordo a Rosalía de Castro e cuxa imaxe forma parte dos materiais que se poden consultar nesta entrega.
En 1988, coincidindo co oitenta aniversario da súa fundación, a entidade creou O Galego, revista coa que se buscaba difundir a nosa cultura a través de numerosos artigos sobre Galicia, a súa música, literatura, lingua, xeografía ou historia. No especial tamén se sinala que, durante os 114 anos de existencia da sociedade, esta “publicou numerosas revistas con cabeceiras como Juventud de Galicia, Heraldo de Galicia, La Voz de Breogán, Boletín de Xuventude de Galicia ou Galicia ó Lonxe”. No Repertorio da prensa da emigración galega do Consello da Cultura Galega pódense ver algúns destes exemplares.

O especial compleméntase cunha imaxe do conxunto coral e artístico Anaquiños da Terra, a primeira agrupación coral existente en Portugal; cunha fotografía do primeiro partido oficial do Deportivo Juventud de Galicia, equipo de fútbol representante da asociación Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa, e con outra do libro de visitantes que había na sede social da entidade e no que Lugrís Freire, Ramón Piñeiro, Álvaro Cunqueiro, Otero Pedrayo, Manuel María, Filgueira Valverde ou Carlos Casares deixaron as súas dedicatorias.

O proxecto Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial Historias de ida e volta para dar a coñecer aqueles materiais que documentan o fenómeno migratorio. En máis de 20 entregas documentáronse os procesos de saída, chegada, a vida social e cultural... para, deste xeito, explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.