NOTICIA

----

A biografía de Luís Rei incorpórase ao Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia publica no día de hoxe a entrada de Luís Rei (O Grove, 1960 - Pontevedra, 2015), biógrafo do poeta Ramón Cabanillas e do líder agrarista e republicano Basilio Álvarez. Na súa traxectoria sobresae tamén o seu labor no estudo da cultura, da literatura e da historia, especialmente das vinculadas á ría de Arousa, así como o papel que desempeñou na recuperación e divulgación da cultura marítima e fluvial de Galicia e do norte de Portugal. A súa entrada é autoría de Emilio Xosé Insua López.

Xosé Luís Rei Núñez deixou unha fonda pegada en ámbitos diversos como o da militancia política, o da programación cultural ou o da divulgación da cultura marítima galega. Do seu compromiso cívico e político destaca a súa militancia na Liga Comunista Revolucionaria (LCR), no Partido Socialista de los Trabajadores (PST), no Bloque Nacionalista Galego (BNG) e en ANOVA. Ademais, tivo un papel decisivo na creación do Colectivo Ecoloxista do Salnés e foi membro da corporación grovense en varias lexislaturas, onde se erixiu como o voceiro principal da oposición, “protagonizando debates de grande altura dialéctica cos seus adversarios e forxando sona de orador incisivo e de político honesto e ben preparado”, tal e como subliña Emilio Xosé Insua na entrada que asina para o Álbum de Galicia.

Na súa faceta de técnico e programador cultural, promoveu o primeiro agrupamento de técnicos culturais do país, o colectivo LandRover, e desenvolveu outras moitas iniciativas, como diversas campañas para o fomento da lectura e o uso do galego, unha programación anual de teatro destinada a un público adulto e infantil, a provisión de fondos para a rede de bibliotecas municipais ou o comisariado de exposicións artísticas. Tamén puxo en marcha a celebración de diversas xornadas conmemorativas e colaborou estreitamente con varias entidades (a Asociación de Ensinantes Candea, o colectivo A Santa Compaña ou o grupo Xironsa). Xunto con Fernández Rei, deseñou e executou os actos que se sucederon en 2009 para conmemorar o Ano Cabanillas, entre os que tivo lugar un encontro con Francisco Fernández del Riego que está dispoñible para a súa consulta, en formato vídeo, na entrada do Álbum de Galicia.

Luís Rei sobresaíu como estudoso e investigador da cultura, da literatura e da historia, sobre todo as da ría arousá, e por ser o autor de Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades (2009), unha completa biografía do poeta. A publicación desta obra, xunto con outros traballos en revistas ou en volumes colectivos e o comisariado de magnas exposicións sobre Ramón Cabanillas, erixírono “nun dos máis entusiastas, competentes e constantes divulgadores do coñecemento do autor de No desterro”, tal e como afirma Emilio Xosé Insua na súa entrada. Ademais, escribiu a biografía do líder agrarista e republicano Basilio Álvarez co título Basiliana (2022), unha obra que, malia estar incompleta, situou “novamente o seu nome entre as referencias bibliográficas fundamentais para toda persoa interesada en coñecer con rigor a situación económica, social, política, literaria e cultural da Galicia de comezos do século XX”, segundo apunta Emilio Xosé Insua.

Finalmente, cómpre destacar o papel que desempeñou no movemento de estudo, recuperación e divulgación da cultura marítima e fluvial de Galicia e do norte de Portugal. Neste ámbito, deseñou paneis, dípticos divulgativos e roteiros marítimos polas Rías Baixas; foi o comisario de exposicións e pavillóns para que os barcos galegos tivesen impacto e representación en citas internacionais; organizou encontros; escribiu artigos en diversas revistas, como A Cruxía e Real Club Náutico de Vigo, e dirixiu a publicación Ardentía entre os anos 2004 e 2013. Luís Rei colaborou tamén no volume Tendendo cabos (2007), editado polo Museo do Mar, e foi o coordinador da Axenda do Mar 2008.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 600 entradas, das cales as máis recentes son as de Agustín Acevedo, Marcos Valcárcel, Alfonso Zulueta e Fernando Blanco de Lema.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.