NOTICIA

----

As conclusións dos Encontros para a normalización lingüística destacan o papel das artes en prol do idioma

“As artes son un bo vehículo para achegarse á lingua ou reforzar a relación con ela, tanto para artistas coma para o público” aseguran a conclusións dos XXIV Encontros para a normalización lingüistica. Unha cita que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) e que tivo a súa sesión presencial o pasado 20 de outubro.

O documento de conclusións establece que “en xeral, o público ten interese polos produtos artísticos en galego e valóraos positivamente. Pero é necesario que eses produtos se adapten ás particularidades e aos xeitos de consumo que ese público ten no presente para que aumenten o seu atractivo”. Nese sentido considera que tanto os medios de comunicación como as administracións públicas desenvolven nese camiño unha actividade “susceptible de mellora”. Para uns como “mediadores” e para outros como responsables de apoiar a creación e que deben ser máis “activas á hora de facer valer o seu poder de compra/contratación, encargando ou promovendo produtos artísticos en lingua galega ou que transmitan valores positivos asociados a ela”.

Nas conclusión destácase a importancia de “visibilizar fóra, con medios e estruturas potentes, a calidade creativa das propostas artísticas do país” ao tempo que convida a “aproveitar as vantaxes das canles de comunicación alternativas, baseadas nas redes sociais (YouTube, Instagram, TikTok, Facebook...), para proxectar a produción artística e cultural en galego”.

Ademais, outra das ideas destacadas pasa por subliñar a importancia de que estas manifestacións contribúen a crear comunidade. “Probablemente sexa neste tipo de contextos onde a arte poida estimular mellor mudanzas de actitudes ou comportamentos lingüísticos” apunta.

As conclusións foron elaboradas pola Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia a partir das intervencións das persoas convidadas, e dos debates, preguntas e comentarios realizados polas e polos participantes.

Outras noticias que che poden interesar