NOTICIA

----

O novo especial de Proxector recompila vídeos sobre o patrimonio dos montes galegos

“Montes e montañas: un tesouro patrimonial e económico de Galicia” é o título do novo especial de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nesta nova entrega, reúnense unha ducia de recursos audiovisuais que permiten profundar na riqueza paisaxística e natural, así como no potencial ecolóxico, económico e social dos montes galegos. Con este especial, o CCG súmase á conmemoración do Día Internacional das Montañas, unha celebración anual coa que se busca chamar a atención sobre a importancia dos diversos recursos que estas ofrecen.

“Os ecosistemas montañosos teñen gran valor científico, ecolóxico, patrimonial e lingüístico por si mesmos, ao que temos que sumarlle as actividades que se desenvolven neles”, asegura o especial, que destaca o potencial que teñen, por exemplo, o deporte ou o turismo para “producir benestar económico e social para as comunidades rurais alí asentadas e para as persoas que se achegan a coñecelos e gozar deles”.

Os vídeos que se escolmaron para esta entrega de Proxector permiten coñecer a gran reserva de montes e montañas da nosa comunidade, identificar a pegada que os seus poboadores deixaron a través da toponimia ou a arqueoloxía e descubrir os tesouros naturais, xeolóxicos e patrimoniais que atesouran lugares como a devesa da Rogueira ou o monte Pindo. A construción do túnel de Montefurado, levada a cabo polos romanos hai case 2000 anos para desviar o curso do río Sil e buscar ouro entre os sedimentos, é outro dos materiais que recolle o especial. Ademais, tamén se recompilaron pezas nas que se explican algunhas das técnicas para xestionar de forma óptima as explotacións forestais ou que abordan o tema da propiedade comunal como motor do desenvolvemento rural. Así, no vídeo “O Rei Sol: Arqueoloxía sen escavar” achégase o exemplo das comunidades veciñais de montes en man común de Oia, que decidiron formular unha xestión alternativa do monte e promover o proxecto de arqueoloxía Costa dos Castros, pensado desde e para a comunidade. O recurso “Microtoponimia nas serras de interior”, centrado no valor toponímico dos penedos, leiras e camiños das montañas do interior de Galicia, completa os materiais aos que se pode acceder nesta nova entrega do especial.

O proxecto
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.