----

Unha xornada analiza a relevancia das corais

As corais: dinamizadoras imprescindibles do tecido cultural galego é o título da xornada que se celebra na tarde deste martes, 22 de novembro. Nela, analizarase a incidencia social das máis de trescentas corais existentes na nosa comunidade e se presentará o primeiro informe que analiza esta realidade. A actividade está organizada pola Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega CCG) baixo a coordinadción de Alejo Amoedo e Cristina Domínguez Dapena. Recoñecidos profesionais achegaranse á importante función divulgativa e pedagóxica que desempeñan as corais e, profundarán no seu papel como forzas vertebradoras e dinamizadoras do tecido cultural. A sesión é presencial, pero tamén se poderá seguir en directo a través das redes sociais da institución.

O movemento coral en Galicia xorde a finais do século XIX, coincidindo co apoxeo das sociedades de recreo. Ao abeiro das Irmandes da Fala (1916) é cando os coros galegos experimentaron o seu maior auxe centrados na recuperación do folclore. En 1925, o nacemento da Coral Polifónica de Pontevedra marcou un novo modelo que imitar e que aínda está vixente na actualidade. Dende ese momento, as corais galegas conseguiron xa non só manterse activas, senón tamén converterse nun instrumento integrador e de participación na cultura das vilas e cidades, así como actuar como divulgadoras do noso patrimonio musical popular.

O programa
A xornada comezará coa entrevista de Alberto Cancela a Margarita Guerra, directora da Coral Polifónica do Liceo Marítimo de Vilagarcía de Arousa e decana das directoras actuais de Galicia, quen fará un percorrido pola historia do movemento coral ata chegar ao nacemento de Ars Musicae. A análise da actualidade da música coral en Galicia, das súas eivas e dos retos de futuro será o tema sobre o que reflexionen Antonio Rey Cornide, presidente da Federación Coral Galega, e Enrique Lorenzo, presidente da Asociación de Corais Polifónicas de Vigo, nun coloquio conducido por Patricia Cupeiro. No marco desta sesión tamén se analizarán os principais resultados do informe As corais en Galicia, un traballo de investigación realizado polo Observatorio da Cultura Galega e presentado polo seu responsable, Håkan Casares Berg.


A Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais (CCG)
Esta actividade está organizada pola Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega, coordinada por Cristina Domínguez Dapena e na que figuran como membros Eduardo Alonso Rodríguez, Natalia Balseiro, Montserrat Capelán, Carlos Vizcaíno Fernández, Beli Martínez, Ramon Pinheiro Almuinha e José Manuel Sande García.