NOTICIA

----

Unha xornada analiza o patrimonio da emigración a Portugal

Co gallo da celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial o vindeiro 16 de novembro, a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza a xornada Patrimonio material e inmaterial da emigración galega a Portugal (séculos XVIII-XX): A solidariedade e cooperación transfronteiriza na Raia Seca. A actividade, que se desenvolverá o propio día 16, ás 09:30 horas, na sede da institución, ten como obxectivo analizar a traxectoria histórica da emigración galega a Portugal e poñer en valor os elementos do patrimonio material e inmaterial ligados a ese proceso migratorio. O encontro estará inaugurado pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, mais pola coordinadora da Sección, Rebeca Blanco-Rotea, e os da propia actividade, Nieves Amado e Hortensio Sobrado. Para a súa organización, contouse coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia. Malia ser presencial, a xornada tamén se poderá seguir en directo a través das redes sociais corporativas do CCG.

Desde o século XVIII e ata os anos 60 do XX, milleiros de galegos e galegas emigraron a terras portuguesas. Foi este un proceso alimentado por motivos económicos, mais tamén políticos, froito dos exilios que se produciron durante a primeira metade do XIX. A pesar de estenderse durante varios séculos, a historia da emigración galega a Portugal e o patrimonio vencellado a ela son cuestións aínda pouco coñecidas pola sociedade galega actual. Con esta xornada, o CCG busca reflexionar sobre este fenómeno e afondar nos seculares intercambios e achegas de carácter cultural, económico e social xurdidos da cooperación transfronteiriza na Raia Seca. A cita contará coa participación de numerosos expertos dun e doutro lado da fronteira, entre os que se atopan especialistas en historia, filoloxía e etnografía, así como tamén profesionais da comunicación audiovisual.

O programa
A xornada comezará cunha sesión matinal na que, baixo a coordinación de Hortensio Sobrado Correa, se desenvolverá a mesa de relatorios “A emigración laboral e política”. Nela intervirán Domingo Luis González Lopo, Camilo Jesús Fernández Cortizo, Aurora Botão do Rego e Carlos Pazos-Justo. Após esta primeira sesión, haberá un debate entre os relatores e o público asistente.

A actividade retomarase pola tarde coa mesa “A emigración laboral e política”, moderada por Nieves Amado Rolán e que contará coa participación de Andrés Diz Domínguez e José Rodríguez Cruz. Sobresae a presenza de Antonio Lourenço Fontes, coñecido como padre Fontes, sacerdote, historiador, escritor e hoteleiro que, en 1983, impulsou o Congresso de Medicina Popular de Vilar de Perdizes, que xa celebrou a súa 36ª edición, no que xuntando o sagrado e o profano transformou o misticismo nunha atracción turística.. No marco desta sesión tamén se presentará o documental A memoria da raia, co que as súas directoras, Miriam González, Iris Justo e Andrea Pérez, queren reflectir a solidariedade existente na fronteira entre Galicia e Portugal. Despois dun breve coloquio, procederase coas conclusións e a clausura da xornada.

Semana do Patrimonio
Esta cita insírese nunha das liñas de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega pensada para celebrar o día internacional do Patrimonio, que se conmemmora cada 16 de novembro. Canda esta actividade os días 18 e 19 de novembro celebrarase en Monforte de Lemos a xornada O Colexio de Nosa Señora da Antiga (Monforte de Lemos). Un exemplo de educación patrimonial, na que se analizará unha pioneira iniciativa levada a cabo en Galicia: o proxecto de educación patrimonial que desenvolveu no centro Mar Bóveda. Por proposta da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, e en paralelo á elaboración do expediente de incoación como ben de interese cultural (BIC) deste espazo, amosarase o proxecto educativo executado e os actuais traballos de rehabilitación, analizarase o edificio como elemento patrimonial presentado polo propio alumnado do centro e debaterase arredor dos procesos de participación social que se levaron a cabo no marco da elaboración da declaración do colexio como BIC.

Estas xornadas pechan un ano marcado por unha das liñas recollidas na guía práctica Foro Patrimonio e Sociedade, a que fai referencia ao patrimonio, educación, formación e cidadanía. As actividades do ano en materia de patrimonio comezaron na Pastoriza cun encontro monográfico do patrimonio cultural titulado Os centros interpretativos como lugares de educación e formación da cidadanía nos espazos rurais. Máis recentemente, en Verín, tivo lugar a 4ª edición do ciclo de cinema galego-portugués, onde se proxectaron diversas pezas audiovisuais centradas na morte e na dor, e tamén no papel que as mulleres xogan nestes eidos. Olladas persoais e íntimas que percorreron, sobre todo, a inmaterialidade patrimonial desta complexa realidade que nos une a galegos e portugueses na lingua, nas prácticas e nos tempos.

Sección de Patrimonio e Bens Culturais
A Sección está coordinada por Rebeca Blanco-Rotea e ten como membros a Nieves Amado, Carlos Amoedo, Rosa Benavides, Ana Estévez, Olimpia López, Daniel Lorenzo, Juan M. Monterroso, Ángeles Penas, Francisco Xabier Redondo, Cristina Sánchez-Carretero, Iago Seara, Luisa Serrano e Hortensio Sobrado.