NOTICIA

----

O Observatorio da Cultura apunta un incremento do gasto familiar en cultura

O gasto dos fogares galegos en cultura incrementouse no ano 2021, cun destacado investimento en soportes de imaxe e son e en equipos para a súa recepción, rexistro e reprodución. No que atinxe aos servizos culturais (asistencia a espectáculos ou alugueiro de accesorios culturais), detéctase un forte descenso, con cifras que se sitúan por debaixo da metade do gasto de 2019. Son conclusións que se extraen do último documento de traballo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), que leva por título Conxuntura estatística do ámbito cultural. Outubro de 2022. O informe, que busca analizar a situación do sector cultural galego, subliña tamén o incremento na confianza dos consumidores.

“A confianza dos consumidores continúa crecendo, cun 62,3 % de fogares galegos que pensan saír a cear, a cafetarías, ir ao cine e ao teatro nos vindeiros tres meses”, subliña o informe, que fixa o terceiro trimestre de 2021 como a data na que se empezan a percibir “os primeiros indicios de recuperación”. Un factor ilustrativo desta tendencia é, por exemplo, a asistencia ás salas de cinema, onde se rexistrou un aumento de 600 000 espectadores e 3,6 millóns de euros de recadación con respecto a 2020. Nese ano, computáranse 1,2 millóns de espectadores e recadárase un total de 6,7 millóns de euros. Porén, tal e como apuntan as conclusións do estudo, estas cifras aínda “están lonxe dos datos de 2019”, cando a recadación ascendera a 24,1 millóns de euros.

Índice de prezos ao consumo
A variación anual do índice de prezos ao consumo mostra que os produtos relacionados co ocio e a cultura en Galicia experimentaron un aumento de prezos visiblemente inferior ao do conxunto da cesta da compra. Segundo o último dato publicado, a prensa, os libros e os artigos de papelaría son os que experimentaron o maior incremento (4 %), “probablemente influídos pola importante suba dos prezos industriais do papel”, afirma o informe. Pola contra, os equipos audiovisuais, fotográficos e de procesamento da información rexistran unha significativa baixada (-2 %).

Emprego e creación de empresas culturais
Entre o segundo trimestre de 2021 e o primeiro de 2022, o número de traballadores do ámbito cultural ascendeu ata as 34 900 persoas, situándose “por encima das cifras previas á pandemia”, subliña o documento. Ademais, nese mesmo período rexístrase un incremento importante das afiliacións á Seguridade Social en todas as ramas das actividades culturais, agás na edición. A suba é especialmente destacable nas actividades de creación, artísticas e de espectáculos (27,7 %). A Coruña foi a provincia onde máis aumentaron as afiliacións e, por réximes, houbo máis altas no réxime xeral que no de autónomos.

O informe constata, así mesmo, que “a creación de empresas culturais tamén amosa boa saúde, con 107 empresas máis entre outubro de 2021 e setembro de 2022”. As dedicadas á publicidade e estudos de mercado e, de novo, as relacionadas con actividades de creación, artísticas e de espectáculos son as que computan as maiores subas.

Comercio exterior e intracomunitario de produtos culturais
Os datos do sector exterior amosan unha evolución positiva, xa que constatan un “incremento das exportacións de produtos culturais nos últimos 12 meses con respecto aos 12 anteriores”, tal e como sinala o estudo. Malia rexistrar unha certa estabilidade, destaca a suba importante que experimentaron as exportacións nos meses de maio e xuño de 2022, con case 52 e 60 millóns de euros respectivamente. Porén, en xullo, estas descenderon ata os case 42 millóns de euros. Así mesmo, o documento de traballo subliña que, entre agosto de 2021 e xullo de 2022, Galicia importou 400 millóns máis en produtos culturais que os que foron exportados.

Contabilidade trimestral
As contas económicas trimestrais apuntan cara a un descenso das actividades artísticas e recreativas, que rexistraron tres trimestres consecutivos de variación negativa, cunha taxa interanual do -3 %. “Estes resultados contrastan co crecemento xeral da economía e particularmente dos servizos”, conclúe o estudo. Pola contra, o grupo de actividades de información e comunicación (onde se inclúen a edición, as actividades cinematográficas, de vídeo e de programas de televisión, e as informáticas e de telecomunicacións) rexistra un importante crecemento nos últimos catro trimestres, coa taxa de variación interanual no 13,6 %.

Fontes do informe
Para a elaboración deste informe, o Observatorio da Cultura Galega empregou como fontes principais os datos proporcionados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e o Instituto Nacional de Estadística (INE). A Enquisa de Poboación Activa (EPA) foi usada, así mesmo, para a extracción das cifras relacionadas coa evolución do emprego cultural, mentres que a evolución do número de empresas culturais obtívose a través da explotación do Boletín Oficial del Registro Mercantil (BORME). A estatística relativa ao comercio exterior e intracomunitario de produtos culturais procede da explotación elaborada polo IGE a partir dos ficheiros facilitados polo Departamento de Aduanas da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).