NOTICIA

----

O ciclo Revisando a nosa arte analiza a figura de María Antonia Dans

Cando se fan cen anos do nacemento de María Antonia Dans, a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) dedícalle este mércores, 26 de outubro, unha sesión do ciclo Revisando a nosa arte. Reivindicar a figura dunha creadora plástica de gran relevancia como foi ela é o obxectivo desta xornada, na que, ademais de analizar a personalidade e obra de María Antonia Dans, se afondará no papel que as mulleres desempeñaron na arte e na historia da arte, tanto dentro como fóra de Galicia. A cita é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e as redes sociais da institución.

Rosario Sarmiento Escalona é a coordinadora desta xornada e quen se encargará da súa inauguración cun relatorio que leva por título “María Antonia Dans, a ollada dunha pintora comprometida”. A continuación, Carmen Pena, catedrática de Historia e Teoría da Arte Contemporánea da Universidad Complutense de Madrid, afondará na paisaxe emocional da pintora galega. A xornada rematará coa mesa redonda “María Antonia Dans: muller e artista, artista e muller”, na que intervirán Lois Alcayde Dans, xornalista, poeta e sobriño-neto da artista, xunto co tamén xornalista Lois Caeiro e o alcalde do Concello de Curtis, Javier Caínzos.

A figura de María Antonia Dans
María Antonia Dans (Oza dos Ríos, A Coruña, 1922 - Madrid, 1988) foi unha creadora de éxito que destacou, ademais de pola súa obra plástica, por reivindicar a súa condición feminina nun momento histórico no que esa actitude supoñía unha loita non sempre doada por ser ela mesma. Muller adiantada ao seu tempo, chegou a afirmar que “si no fuera mujer, mis cuadros se pagarían el doble”, e subliñou tamén a dificultade que supoñía para unha artista asumir o reto da independencia e a modernidade nos anos anteriores á democracia en España.

Galicia, as paisaxes e a idiosincrasia do campo galego están presentes nunha obra que ten como eixe central as mulleres: mulleres que pasan o ferro, campesiñas, vendedoras, rosquilleiras… De temática simple, as súas creacións destacan por unha linguaxe formal primitiva e un cromatismo intenso no que abundan os tons puros e que lles confire aos seus cadros un aspecto plano, sen apenas perspectiva.

Revisando a nosa arte
A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas puxo en marcha o pasado mes de marzo Revisando a nosa arte, un ciclo que pretende achegarse ás figuras máis representativas das artes visuais de comezos do século XX. Isto implica afondar no Movemento Renovador da pintura galega que iniciou Castelao, proseguiu Carlos Maside e secundou Arturo Souto, Laxeiro ou Manuel Colmeiro, e que se enriqueceu nas décadas seguintes con novas poéticas e tendencias. Estas xornadas tratan de poñer en valor e reinterpretar as obras destes e doutros artistas, a súa produción e as súas traxectorias. O ciclo comezou cunha análise da figura de Carlos Maside e continuou coa de Laxeiro, Maruja Mallo, Arturo Souto e Julia Minguillón.

Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e ten como membros a Paula Cabaleiro, Carmen Díaz, Miguel Fernández-Cid, Jesús Pastor, María Asunción Rodríguez, Luis Rosón, Ramón Rozas, Sofía Santos, Rosario Sarmiento, Manuel Vilariño e Lucila Yáñez.