NOTICIA

----

Verín acolle a 4ªedición do ciclo de cinema galego-portugués Mulleres, Patrimonios, Sociedade

A Casa da Cultura de Verín acolle entre os días 26 e 29 de outubro a cuarta edición do ciclo de cinema galego-portugués Mulleres, Patrimonios, Sociedade. Unha cita organizada polo Consello da Cultura Galega coa colaboración do Concello de Verín, o Instituto Camões e o Museo do Pobo Galego que nesta ocasión se centra no papel das mulleres no mundo da morte e da dor que se ergue cunha forte carga patrimonial e social.

Promover o intercambio cultural entre Galicia e Portugal é o obxectivo do ciclo que, nesta edición, se centrará no papel das mulleres no mundo da morte e da dor que se ergue cunha forte carga patrimonial e social. Sobre estes aspectos versarán as pezas audiovisuais seleccionadas, que contribuirán tamén a amosar as características comúns e as diferenzas que existen en moitos territorios do rural galego e portugués arredor do rol da muller, as crenzas e os ritos mortuorios. Esta proposta é o resultado da colaboración entre o Consello da Cultura Galega, a Universidade do Minho (UMinho), o Centro de Estudos Galegos, o Camões – Instituto da Cooperação e da Língua, o Museo do Pobo Galego a través da Mostra Internacional de Cine Etnográfico e o Concello de Verín.


O programa
A cita comezará coa proxección do filme A Metamorfose dos Pássaros, de Catarina Vasconcelos, e continuará o venres cunha xornada de curtas, nas que se proxectarán: A menina que vía homes encadeados, de Alicia López; Arraigadas á terra, de Lorena Álvarez Martínez e Iris Justo; Santa Baia de Montes, dirixida por Sabela Souto; Barbas de baleia, de Mariana Bártolo; Água mole, de Alexandra Ramires (Xá) e Laura Gonçalves; Em companhia da morte, de Vanessa Vilaverde, João Aveledo e Eduardo Maragoto; e Mate, dirixida por Pedro Noites. O ciclo pecharase coa longametraxe Negro púrpura, de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva. Ao remate de cada xornada haberá un debate-coloquio coas directoras e directores dos filmes, representantes dalgunha das institucións organizadores que actuarán a xeito de moderadores e o público asistente.

O ciclo Mulleres, Patrimonios, Sociedade
En maio de 2018, arrincou en Braga cun programa centrado no cinema galego e a fronteira; un ano máis tarde tivo lugar a segunda edición que se desenvolveu en Vigo e estaba focalizado na situación da muller e a relación coa sociedade. O papel das mulleres nas crises, o patrimonio como instrumento de cohesión social e o contexto da solidariedade e a fraternidade centrou o III Ciclo de Cinema Galego-Portugués Mulleres, Patrimonios, Sociedade que se desenvolveu en Arcos de Valdevez.

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Este ciclo forma parte dunha das liñas de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, coa que se busca fomentar un debate entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor dos bens patrimoniais sobre os que se están a desenvolver actuacións. A Sección está coordinada por Rebeca Blanco-Rotea e ten como membros a Nieves Amado, Carlos Amoedo, Rosa Benavides, Ana Estévez, Olimpia López, Daniel Lorenzo, Juan M. Monterroso, Ángeles Penas, Francisco Xabier Redondo, Cristina Sánchez-Carretero, Iago Seara, Luisa Serrano e Hortensio Sobrado.