NOTICIA

----

Diferentes creadores destacan a relación do seu traballo coa lingua

“Vivo onde vivo, falo e penso en galego e para min non había outra opción” afirmou Xosé Antonio Touriñán no marco dos XXIV Encontros para a Normalización Lingüística que se desenvolveron ao longo deste xoves no Consello da Cultura Galega (CCG). Unha cita que este ano buscaba ver a relación entre a arte e a lingua da man de numerosos creadores como a escritora Alba Cid, a artista de circo Natalia Outeiro “Pajarito”, a zoqueira Elena Ferro e moitas outras figuras que non so coincidiron coa posición de Touriñán senón que amosaron un compromiso firme co idioma e o co país. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destacou na inauguración desta cita que “estamos convencidos do potencial da creación como unha ferramenta de normalización”. Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, entidade que colabora na organización dos encontros puxo o acento no feito de que as artes estiveron desde sempre no proceso normalizador.

A sesión comezou cunha palestra que na que se falou da arte como construtora da nación. Quico Cadaval fixo na súa intervención un achegamento á historia do teatro, moi vencellada á construción da identidade cun repaso pola historia das óperas galegas, a modo de exemplo do interese en que o galego estivera en todas as manifestacións artísticas. Montse Rivera, presente na cita polo seu papel no proxecto de danza Pesdelán destacou que “o baile está moi vencellado á terra, a Galicia e á lingua”. Ademais, lembrou que hoxe en dia está a agromar todo un traballo que se iniciou nos anos oitenta de recuperación do baile tradicional. Pola súa banda, Guadi Galego explicou que comezou a cantar na música tradicional “por militancia, pero tamén pola miña identidade propia”.

A continuación, Kiko da Silva, Laura Romero e Joseba Muruzábal interviron nunha palestra modera por Anxos Sobriño. Nela, reflexionaron sobre a sensibilización do mundo da arte coa lingua ou da importancia de colaborar coas axencias de normalización lingüística. A existencia de referentes no muralismo, na banda deseñada ou na ilustración que traballen ou promovan o galego foi, así mesmo, outro dos temas de debate. Neste senso, os tres participantes coincidiron en sinalar que hai referentes suficientes nas súas respectivas disciplinas e que “tamén estamos nós creando referentes, como apuntou Joseba Muruzábal, “a pesar das dificultades artísticas” ás que fixo referencia Kiko da Silva. A falta de sensibilidade a nivel institucional foi unha das eivas que sinalou o propio da Silva, para quen “debería haber axudas non só para que os creadores novos creen, senón tamén para os profesionais”.

Na sesión da tarde, Xosé Antonio Touriñán, Natalia Outeiro "Pajarito" e Elena Ferro, baixo a moderación de Bernardo Penabade, falaron do benestar emocional, a arte e a lingua e analizarán a idea do poder curativo da arte, tanto a nivel emocional como identitario, así como a importancia do benestar emocional despois de dous anos de pandemia. Partiron da súas experiencias persoais para explicar que o idioma era unha posición irrenunciable que forma parte da súa identidade. “As disciplinas artísticas axudan a facernos dun xeito ou de outro. A arte é comedia, a arte é música, a arte é teatro, a arte é pintura, por suposto que temos un xeito diferencial e distinto polo lugar onde vives ou onde desenvolves a túa actividade” asegurou Touriñán.

A última palestra achegouse á videocreación, cinema e poesía da man de nomes recoñecidos como Ángeles Huerta, Adrián Canoura e Alba Cid, que fixeron un achegamento á vangarda actual. Ángeles Huerta asegurou que “agora que estou encadrada no cinema de xénero, no fantástico, penso que o xénero ten moito de reflexión sobre a forma e sobre os límites da representación. E, nese sentido, si que é vangardista”. Pola súa parte Adrián Canoura destacou que sempre lle “gustou a vangarda como fonte de inspiración e artistas que se consideran tradicionalmente da vangarda que podemos estudar, de aí si que sempre me gustou beber e a miña obra sempre navegou por camiños máis experimentais e no mundo contemporáneo, aí si que me gusta arañar conceptos máis diferentes ao molde clásico, camiños diferentes, chámese vangarda ou experimental ou como queiramos definilo”. E Alba Cid destacou que “considero que a tradición poética galega está marcada polo risco e pola ruptura, pola capacidade para abrir os marcos, para amplialos”.

A sesión rematou cunha actuación das regueifeiras Lupe Blanco e Olaia Liñares, que foron presentadas por Marta Souto.

Os encontros e o CDSG
Os Encontros para a Normalización Lingüística son unha iniciativa do CDSG que pon o foco cada ano en aspectos concretos relacionados co idioma. En edicións anteriores analizaron o deporte, a lingua nos máis novos, a realidade plurilingüe de España ou a divulgación científica en lingua galega, entre outros temas.

O CDSG é un dos catro arquivos dos que dispón o Consello da Cultura Galega para a recollida, recuperación e organización sistemática de documentación relacionada co patrimonio cultural galego. O principal obxectivo é participar, como axente activo, no proceso de normalización do idioma galego, propiciando o intercambio e a difusión dos materiais xerados neste proceso e creando foros de debate e reflexión arredor da planificación lingüística en Galicia. Como arquivo de planificación lingüística, compila a documentación relacionada coa planificación tanto do galego como doutras linguas minorizadas con situacións sociolingüísticas semellantes á nosa. En canto centro de documentación sociolingüística, xestiona a documentación e información que xera a planificación lingüística para que volva reverter nos diferentes axentes sociais implicados no proceso.