NOTICIA

----

Galicia, unha cultura por descubrir promove a cultura galega contemporánea con materiais bilingües

Galicia, unha cultura por descubrir é o título da nova aposta do Consello da Cultura Galega (CCG) para promover a creación da cultura galega contemporánea a través de materiais bilingües. Rosario Álvarez, presidenta do CCG, destacou que “non chega con que esteamos convencidos da creatividade desbordante da cultura galega, senón que hai que dala a coñecer”. O proxecto arrinca cunha primeira acción sobre a literatura galega, Galicia: unha literatura por descubrir, que coordinou Dolores Vilavedra e que consiste en materiais audiovisuais e escritos sobre os grandes temas de relevancia no panorama editorial contemporáneo. Manuel Rivas, Olga Novo, Fina Casalderry, Ledicia Costas, Xesús Fraga, Xosé Manoel Núñez Seixas e Suso de Toro protagonizan esta primeira entrega, aos que seguirán moitos outros creadores contemporáneos.

A proposta comeza con literatura porque estamos na véspera da Feira do Libro de Frankfurt, a maior feira comercial de libros de Europa e moi destacada este ano, no que España é País convidado. Galicia: unha literatura por descubrir concentra en tres vídeos e tres reportaxes outros tantos enfoques da literatura contemporánea. “Quixemos xerar uns materiais que non caduquen, continxentes con abordaxes non personalistas e complementarios ao doutras entidades” explicou a coordinadora, Dolores Vilavedra.

O formato consiste en tres vídeos curtos que permiten entrar no universo literario de cada un dos autores seleccionados a través da súa propia experiencia. As tres temáticas escollidas son de gran relevancia no panorama editorial europeo contemporáneo. A primeira delas é a ecoliteratura, a escrita da natureza ('nature writing'), que reúne ensaios, ficcións e prospectivas ao redor da relación entre o home e o medio e que, segundo Vilavedra “conecta coa nosa tradición que vai máis atrás de Rosalía”; a segunda é o papel que desempeña a LIX na representación dos importantes cambios sociais das últimas décadas na composición familiar, na multiculturalidade e na inmigración ou nas transformacións vinculadas á identidade sexual. “A LIX galega asomou unha grande sensibilidade cara os grandes cambios sociais” explicou Vilavedra. E o terceiro é a literatura da memoria entendida de xeito amplo. É a exploración da identidade e da memoria familiar e colectiva do século XX e a súa relación cos acontecementos traumáticos do pasado.

O primeiro dos capítulos chámase Hand in hand with nature/Da man da natureza e está protagonizado por Manuel Rivas e Olga Novo e busca afondar na experiencia da paisaxe e da terra como un trazo fundacional da literatura. A segunda das entregas é A society in flux/Unha sociedade en cambio e conta con Fina Casalderrey e Ledicia Costas para amosar como a literatura infantil e xuvenil se revela como un dos ámbitos máis innovadores do mercado editorial, con xéneros en continua hibridación.

Por último, en Building memory/Construír memoria Xesús Fraga, Xosé Manoel Núñez Seixas e Suso de Toro reflexionan sobre o papel do pasado, da herdanza e das súas fracturas, a relación entre o espazo público e o privado, o territorio, as orixes e como as evocan as persoas.

Na rolda estaba presente Manuel Gago coordinador técnico do proxecto que explicou que eses materiais audiovisuais se complementan con reportaxes elaboradas por culturagalega.gal, nas que se poñen en contexto estas declaracións e se sitúan dentro do panorama da literatura galega contemporánea. Todos os textos e vídeos están dispoñibles en inglés e galego.

Pódese acceder a este proxecto desde culture.gal, un novo espazo web do Consello da Cultura Galega no que se ofrecen recursos da institución orientados a un público internacional e se irán incorporando estes novos contidos destinados para unha audiencia internacional, xunto con informacións básicas da propia institución.

Unha cultura por descubrir
Esta primeira acción, definida dentro do Plan de Acción Exterior da institución, busca reforzar a presenza da cultura galega no exterior. Un proxecto que pretende dispoñer de materiais de contextualización da literatura galega contemporánea, orientados a un público internacional do ámbito profesional, especializado academicamente ou con intereses sectoriais. Este prototipo de visibilización da cultura galega contemporánea está orientado a feiras e eventos internacionais da industria cultural, e que poida involucrar eventos de artes escénicas, música, patrimonio cultural etc.

Plan de acción exterior
O Consello da Cultura galega aprobou en 2020 un novo programa de acción exterior promovido desde a Comisión de Relacións Institucionais e Acción Exterior (CRIAE), que coordina Xulio Ríos. O programa busca actuar na internacionalización da cultura galega, en atención aos dereitos culturais dos cidadáns galegos e galegas, pero tamén en proxectar a cultura galega fóra das comunidades de emigrantes. Este proxecto está baseado en cinco obxectivos estratéxicos e conta con máis dun centenar de actuacións e accións.