NOTICIA

----

Profesionais e alumnado do IES de Chapela conversan sobre a enxeñaría de camiños

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou este martes en Redondela unha nova cita do seu proxecto “Diálogos interxeracionais en ciencia e tecnoloxía” encamiñado a fomentar vocacións científicas a través de conversas distendidas entre alumnado e profesionais. Nesta ocasión falaron da enxeñaría de camiños e fixérono nun lugar emblemático: o Centro de Interpretación da Batalla e o Patrimonio Cultural de Rande en Meirande, que está ao pé da Ponte de Rande, obra icónica da enxeñaría de camiños en Galicia. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, foi a encargada de inaugurar esta cita que contou coa participación do alumnado do IES de Chapela.
Profesionais e alumnado do IES de Chapela conversan sobre a enxeñaría de camiños

Ramón Ramos Duro, durante moitos anos enxeñeiro responsable da Unidade Técnica de Audasa; Ana Fernández Prieto, directora das obras de ampliación da ponte de Rande, e Noelia Fernández Rodríguez, alumna de mestrado da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña foron os profesionais que se encargaron de explicarlle a un grupo do IES de Chapela aspectos relacionados co seu traballo. No encontro falaron de temas como os estudos de enxeñaría antes e agora, o impacto da informática nos cálculos que precisan facer os enxeñeiros, a incorporación da muller aos estudos superiores técnicos e as perspectivas laborais pasadas e futuras dos graduados e graduadas en Enxeñaría de Camiños. Abordaranse tamén aspectos de índole persoal, por exemplo os relativos aos momentos máis gratificantes e máis difíciles dunha carreira técnica.

A actividade tivo lugar no Centro de Interpretación da Batalla e o Patrimonio Cultural de Rande, en Meirande (Redondela), ao pé dunha obra icónica da enxeñaría de camiños en Galicia: a ponte de Rande, que foi todo un reto, non só no seu deseño e construción, senón tamén na súa posterior ampliación. Ademais da actividade presencial, a xornada foi gravada para elaborar un vídeo que se empregue con posterioridade como recurso didáctico.

Diálogos interxeracionais
O pasado 22 de marzo a Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade puxo en marcha o proxecto “Diálogos interxeracionais en ciencia e tecnoloxía” co obxectivo de axudar a mellorar a comprensión acerca dalgunhas das grandes transformacións acaecidas en Galicia durante os últimos cincuenta anos e a maneira en que eses fitos fundamentais da nosa historia recente poden influír no futuro da nosa sociedade.

O primeiro diálogo centrouse nas ciencias físicas e nel participarán Carlos Pajares Vales, profesor emérito e exreitor da USC; Elena González Ferreiro, investigadora do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), e Clara Nieto Lado, alumna de primeiro curso do grao en Física. Naquela ocasión falouse de temas como a evolución da física de partículas en Galicia dende a súa orixe na Facultade de Química ata o actual IGFAE na USC, o impacto da informática na investigación e tamén na nosa sociedade (primeiro correo electrónico escrito en Galicia, evolución dende os primeiros ordenadores con tarxetas perforadas ata o actual Centro de Supercomputación de Galicia…), a colaboración e investigación en centros internacionais coma o CERN, cales eran e cales son agora as perspectivas laborais dos graduados e graduadas en Física, así como a cada vez máis importante relación entre muller e ciencia.