NOTICIA

----

Os XXIV Encontros para a normalización lingüística analizan as artes como elementos normalizadores

Do teatro á videocreación, pasando polo cinema e o humor. As artes poden ser un elemento normalizador poderoso. Esta é a tese que defende o programa dos XXIV Encontros para a Normalización Lingüística, unha cita de referencia no debate, reflexión e análise da situación presente e futura da lingua galega. Un encontro que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG). Creadores recoñecidos como Xosé Antonio Touriñán, Guadi Galego, Alba Cid ou Quico Cadaval, entre moitos outros, debaten sobre a arte como unha ferramenta de construción masiva. Está aberta a inscrición da xornada presencial destes encontros, que se desenvolverá o 20 de outubro. A xornada ten tamén unha parte virtual, que son os vídeos elaborados por Fran da Lobeira, da Lobeira Today, e Nee Barros, de Neeumatiko, nos que os creadores participantes debaten sobre a relación entre arte e lingua. Os vídeos pódense consultar desde hoxe no noso web.

A traxectoria anterior dos encontros permítenos chegar a esta edición, a número 24, sabendo que o porvir da lingua non se garante só pola actividade e dedicación de sectores concretos como a escola ou a familia. “A transmisión xeracional e a continuidade da lingua só estará garantida se se divulga tamén nos contextos que rodean a rapazada nos seus procesos de adquisición e desenvolvemento lingüístico, e iso implica a participación de toda a sociedade” aseguraban as conclusións da última edición. Por iso, como xa se sabe que a transmisión da lingua no núcleo familiar non é condición suficiente para garantir o obxectivo da continuidade xeracional, desta volta os Encontros centran o debate na arte e na lingua como ferramenta de construción masiva. Para iso, o programa xunta recoñecidos creadores de ámbitos que van desde a danza, música, teatro, humor, circo e artesanía para falar da relación entre cultura e lingua.

O programa
Como en ocasións anteriores, sóbense os vídeos das intervencións previamente para deixar a sesión presencial para o debate. En consonancia coa temática, buscouse darlle o formato de coñecidos creadores de contido multimedia. Un deles é Fran da Lobeira, que elaborou dous vídeos que se corresponden coas dúas palestras que terán lugar o día 20 pola mañá. Unha delas leva por título a PALESTRA ARTE-LLANDO (TEATRO, MÚSICA e DANZA), que fala da arte como construtora da nación. Nela, recoñecidas figuras como Quico Cadaval, Guadi Galego e Montse Rivera, baixo a moderación de Manuel Maseda, analizarán a situación das artes en Galicia e a súa potencialidade para crear identidade empregando a nosa lingua.


A segunda é PALESTRA ARTE-FACTO (CÓMIC, ILUSTRACIÓN e MURALISMO. Anxos Sobriño é a encargada de moderar un debate que fala da colaboración entre disciplinas artísticas para lograr un maior impacto: análise das vías de cooperación e coordinación para que a nosa arte e lingua teñan unha maior presenza social. Kiko da Silva, Laura Romero e Joseba Muruzábal son os creadores que falan destes asuntos. Todos estes vídeos xa se poden consultar desde hoxe na nosa canle de Youtube e tamén desde as dos seus autores.


O outro divulgador é Nee Barros, de Neeumatiko, que elaborou os vídeos das palestras que se debaterán o día 20 pola tarde. A primeira delas é a PALESTRA ANIM-ARTE (HUMOR, CIRCO e ARTESANÍA), que fala do benestar emocional, a arte e a lingua, e na que se busca analizar a idea do poder curativo da arte, tanto a nivel emocional como identitario. A importancia do benestar emocional despois de dous anos de pandemia é o asunto do que falarán Xosé Antonio Touriñán, Natalia Outeiro "Pajarito" e Elena Ferro, baixo a moderación de Bernardo Penabade.


A segunda palestra é ARRIM-ARTE(VIDEOCREACIÓN, CINEMA e POESÍA), na que Ángeles Huerta, Adrián Canoura e Alba Cid fan un achegamento á vangarda actual e rememoran os 100 anos do manifestó Máis alá de Manuel Antonio.


Máis de vinte anos falando da normalización
Os Encontros para a Normalización Lingüística son unha iniciativa do CDSG que poñen o foco cada ano en aspectos concretos relacionados co idioma. En edicións anteriores analizaron o deporte, a lingua nos máis novos, a realidade plurilingüe de España ou a divulgación científica na lingua galega, entre outros temas.

O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG)
O CDSG é un dos catro arquivos dos que dispón o Consello da Cultura Galega para a recollida, recuperación e organización sistemática de documentación relacionada co patrimonio cultural galego. O principal obxectivo é participar, como axente activo, no proceso de normalización do idioma galego, propiciando o intercambio e difusión dos materiais xerados neste proceso e creando foros de debate e reflexión arredor da planificación lingüística en Galicia.

Como Arquivo de Planificación Lingüística, compila a documentación relacionada coa planificación tanto do galego como doutras linguas minorizadas con situacións sociolingüísticas semellantes á nosa. Mentres, como Centro de Documentación Sociolingüística, xestiona a documentación e información que xera a planificación lingüística para que volva reverter nos diferentes axentes sociais implicados no proceso.