NOTICIA

----

A biografía de Cristina Reges incorpórase ao Álbum de Galicia

Filla da diáspora galega, a vida de Cristina Reges (Bos Aires, 1957 - 2015) estivo marcada polo recordo dunha galeguidade que impregnou a súa propia identidade e que a levou a involucrarse en numerosas actividades a prol dos dereitos das mulleres migrantes. Micaela Fernández Darriba é a autora da súa entrada no Álbum de Galicia.

Malia nacer na Arxentina, as raíces galegas estiveron sempre presentes na infancia de Cristina Reges da man dos seus proxenitores, que “tiveron un recordo permanente das súas orixes, de Galicia, desa riqueza; nun punto de non esquecer nunca de onde viñan, de ensinarme unha chea de cousas e de vincularme con esa terra que é miña tamén, dende a diáspora”. Esa galeguidade atravesou a súa identidade e foi tamén o motor dunha traxectoria dedicada ao activismo polos dereitos das mulleres e do colectivo migrante, como detalla Micaela Fernández Darriba na entrada que asina no Álbum de Galicia.

Cristina Reges estudou Psicopedagoxía e diplomouse en Estudos Interdisciplinarios de Xénero. Vinculada, dende finais dos anos 90, coa política partidaria e o feminismo, implicouse na Campaña Nacional polo Dereito ao Aborto. Porén, foi a súa actividade na Dirección Xeral da Muller da Cidade de Bos Aires a que a levou a cofundar o Programa Todas, dedicado a estudar, previr e erradicar a violencia e a discriminación das mulleres migrantes. Así mesmo, participou en diversas accións de loita contra a trata e a explotación sexual e laboral, e colaborou na creación e na unión de varias organizacións migrantes como Yanapacuna, Centro de Nais 27 de Maio, Mulleres Peruanas Migrantes Unidas e Refuxiadas, Cordinamento Donne Italo Argentine, entre outras.

A motivación por traballar a prol dos dereitos das mulleres e do colectivo de mulleres migrantes estivo presente ao longo de toda a súa vida, xa que “ela entendía que se existían dereitos dobremente vulnerados, eses eran os das mulleres migrantes: por mulleres, pobres e estranxeiras”, como afirma Micaela Fernández na entrada. O seu compromiso foi recoñecido por diversas institucións e, no ano 2015, recibiu a mención Rosalía de Castro da Asociación de Mulleres Galegas Herbas de Prata, polo seu labor e vínculos coa colectividade en Bos Aires. Un ano máis tarde foi homenaxeada nos premios Lola Mora, unha distinción do Goberno da Cidade de Bos Aires a aqueles xornalistas, medios ou prácticas xornalísticas que mantivesen unha perspectiva de xénero na abordaxe comunicativa e informativa.

Cristina Reges morreu de cancro a idade de 58 anos, sen poder chegar a coñecer a terra da súa nai e do seu pai.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con 632 entradas e as máis recentes son as de María Luisa Viqueira, Marcial del Adalid e Pucho Boedo, Ricard Terré ou Urbano Feijoo.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.