NOTICIA

----

O ciclo Revisando a nosa arte regresa cunha xornada dedicada á figura de Julia Minguillón

Julia Minguillón foi unha das grandes pintoras da posguerra e unha das poucas artistas galegas que transcenderon a nivel nacional. Porén, malia contar cunha traxectoria detacada, cunha técnica brillante e unha paleta e estilo moi persoais aínda permanece descoñecida para o gran público. Co fin de divulgar a súa figura, a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) dedícalle mañá, 28 de setembro, unha xornada do ciclo Revisando a nosa arte, que regresa despois do verán. A sesión é presencial e pode seguirse en directo a través do sitio web e as redes sociais da institución.

Paula Cabaleiro é a coordinadora desta xornada, que comezará cunha conferencia a cargo de María Victoria Carballo-Calero Ramos, catedrática de Historia da Arte Contemporánea da Universidade de Vigo e especialista na obra de Minguillón cunha tese de doutoramento que publicou a Fundación Barrié. A súa conferencia titúlase “Julia Minguillón: imaxes silenciosas”. A continuación, Encarna Lago, xerente da Rede Museística de Lugo, e os teatreiros María Campos e Carlos Yus explicarán como a rede de museos lucense partiron da súa obra para inspirar outras prácticas artísticas, culturais e pedagóxicas.

A figura de Julia Minguillón
Nada en Lugo en 1906, Julia Carmen Minguillón Iglesias era filla do boticario de Vilanova de Lourenzá, onde pasou a súa infancia. En Burgos e Valladolid entra en contacto coa pintura, durante o bacharelato, e retorna a Lugo con 17 anos. Tras acadar unha bolsa de estudos da Deputación de Lugo, trasládase a Madrid, onde orienta primeiro a súa formación cara á escultura e logo cara á pintura. En 1933 participa na súa primeira exposición colectiva. Co estalido da guerra, retorna á casa paterna en Vilanova de Lourenzá. Alí, casa co escritor e xornalista Francisco Leal Insua, quen será retratado en varias ocasións pola pintora, entre elas nunha das súas obras máis célebres: A miña familia. Actualmente está exposta no Museo Provincial de Lugo xunto coa que é considerada a obra máis representativa da autora, A escola de Doloriñas, premiada coa Primeira Medalla na Exposición Nacional de Belas Artes en 1941 e exhibida durante os anos seguintes en Berlín e na Bienal de Venecia. En 1945 realiza a súa primeira grande individual e en 1948 gaña o Premio do Círculo de Belas Artes. De 1945 a 1961 reside entre Vigo, Madrid e América Latina, e viaxa en varias ocasións a París. Julia Minguillón xa era unha pintora de gran prestixio, retratando a persoas notables da sociedade. En 1961 volve a Madrid, onde reside ata a súa morte.

Revisando a nosa arte
A sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas puxo en marcha o pasado mes de marzo Revisando a nosa arte, un ciclo que pretende achegarse ás figuras máis representativas das artes visuais de comezos do século XX. Isto implica afondar no Movemento Renovador da pintura galega que iniciou Castelao, proseguiu Carlos Maside e secundou Arturo Souto, Laxeiro ou Manuel Colmeiro, e que se enriqueceu nas décadas seguintes con novas poéticas e tendencias. Estas xornadas tratan de poñer en valor e reinterpretar as obras destes e doutros artistas, a súa produción e as súas traxectorias. O ciclo comezou cunha análise da figura de Carlos Maside e continuou coa de Laxeiro, Maruja Mallo e Arturo Souto.

Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e ten como membros a Paula Cabaleiro, Carmen Díaz, Miguel Fernández-Cid, Jesús Pastor, María Asunción Rodríguez, Luis Rosón, Ramón Rozas, Sofía Santos, Rosario Sarmiento, Manuel Vilariño e Lucila Yáñez.