NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega celebra en Frankfurt o Día Europeo das Linguas

Todas as voces a voz. Poesía en español, catalán, éuscaro, galego e alemán, é o título do acto que acollerá a sede do Instituto Cervantes de Frankfurt o vindeiro luns, 26 de setembro de 2022, para conmemorar o Día Europeo das Linguas. A xornada está organizada polo Consello de Cultura Galega (CCG), o Etxepare Euskal Institutua, o Institut Ramon Llull e o Instituto Cervantes. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, asistirá ao acto no que a poesía galega estará representada por Yolanda Castaño. O acto poderá seguirse en directo a través do sitio web e das redes sociais do Instituto Cervantes.

Celebrar a diversidade cultural no vello continente e fomentar a colaboración entre institucións para promover o multilingüismo é o obxectivo deste acto, no que as poetisas Rosa Berbel, Yolanda Castaño, Sònia Moll, Castillo Suárez e Safiye Can recitarán poemas nas súas respectivas linguas. Unha actividade que promove a diversidade lingüística no marco da próxima celebración da Feira Internacional do Libro de Frankfurt 2022, da que España é este ano o país convidado de honra.

O acto conmemorativo
No acto participarán as poetas Rosa Berbel (Sevilla, 1997), Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977), Sònia Moll (Barcelona, 1974), Castillo Suárez (Alsasua, 1976) e Safiye Can (Offenbach am Main, 1977), que recitarán poemas en castelán, galego, catalán, éuscaro e alemán, respectivamente. O director do Instituto Cervantes de Frankfurt, Ferran Ferrando, será o encargado de presentar a cada unha das poetas.

Antes do recital, Luis García Montero, director do Instituto Cervantes, manterá un encontro cos responsables das institucións colaboradoras: Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; María José Gálvez, directora xeral do Libro y Fomento de la Lectura; Irene Larraza, directora do Etxepare Euskal Institutua; e Pere Almeda, director do Institut Ramon Llull.

Día Europeo das Linguas
O Día Europeo das Linguas é unha iniciativa que naceu no ano 2001 para homenaxear, difundir e concienciar da diversidade lingüística de Europa, un continente que ten 24 linguas oficiais e onde hai arredor de 60 linguas rexionais ou minoritarias, ademais dos idiomas procedentes doutras partes do mundo.

Este día conmemorativo, instaurado pola Comisión Europea e o Consello de Europa, celébrase todos os anos o 26 de setembro e representa a 800 millóns de cidadáns de 47 países. Na iniciativa participan numerosas institucións e asociacións con intereses culturais e lingüísticos, universidades e centros escolares.

Un camiño compartido
A celebración do Día Europeo das Linguas (en Berlín en 2020 e en Nápoles en 2021) é o resultado dun acordo de colaboración que asinaron o 26 de maio de 2020 os responsables do Consello da Cultura Galega, Instituto Cervantes, Institut Ramón Llull, Etxepare Euskal Institutua. Era o primeiro acordo de colaboración conxunto para promover a lingua e a cultura galega, española, catalá e vasca. Aquel documento establecía un marco de cooperación de catro anos prorrogables para participar en accións comúns “dentro dos seus ámbitos de actuación e as súas posibilidades, as diferentes culturas e linguas propias do Estado español”. Pretendíase sistematizar a promoción conxunta da diversidade lingüística e a pluralidade cultural, ademais de darlle continuidade e unha nova orientación común a colaboracións puntuais que xa se viñan desenvolvendo entre algunhas delas. No marco dese acordo, en maio deste ano, os actuais responsables destas entidades tiveron unha xuntanza de traballo na que decidiron, entre outras accións, a realización dun Informe bianual sobre a situación das respectivas linguas e a celebración dunha mostra multidisciplinar, para visibilizar o máis actual da creación cultural galega, vasca e catalá e española.