A consolidación de ideas erradas no diagnóstico de enfermidades que se viñan considerando “femininas” incide na discriminación das mulleres en tanto obxecto da ciencia, contribuíndo a consolidar o descoñecemento sobre o seu propio corpo e os seus síntomas. A necesidade de combater ese sesgo de xénero que aínda prevalece na medicina e na investigación científica é o núcleo dun debate arredor do que reflexionarán María Sabela Landín Estévez, Sara González Veiga, Rosa Cerqueiro Landín, Fernando Lousada Arochena e Lola Rico. Esta actividade insírese no convenio asinado entre a institución da Valedora do Pobo e o Consello da Cultura Galega.
O programa
Abre o programa un faladoiro que poñerá sobre a mesa notables exemplos de enfermidades infradiagnosticadas ou non recoñecidas nas mulleres. Así, María Sabela Landín Estévez afondará na sintomatoloxía e consecuencias que tivo para o colectivo feminino a implantación do dispositivo Essure, empregado como método de control da natalidade. Pola súa banda, Sara González Veiga achegará o caso da asbestose, que afectou a moitas mulleres ferrolás pola continua exposición que estas tiveron ao amianto. Pecha o faladoiro Rosa Cerqueiro Landín, quen reflexionará acerca da fibromialxia.
A xornada proseguirá cun relatorio a cargo de Fernando Lousada Arochena sobre As mulleres invisibles, após do cal intervirá Lola Rico cunha conferencia que leva por título Historias de vida das mulleres da Limia. A experiencia de coidar-nos. A cita remata coa conclusións e clausura despois dun coloquio entre os participantes e o público asistente.
O convenio coa Valedora do Pobo
Esta cita insírese no marco dun convenio de colaboración asinado entre o Consello da Cultura Galega e a Valedora do Pobo en 2020, e que ten como fin a realización de actividades conxuntas de promoción dos dereitos e valores culturais do pobo galego. Desde entón prestaron atención á diversidade cultural do pobo xitano con dúas xornadas (en 2020 e 2021), á situación das mulleres rurais (en 2021) e tamén ás novas formas de violencia de xénero (en 2021). Máis recentemente organizaron en Carballiño un debate no que se analizou o idadismo, un modo de discriminación por mor da idade.