O Consello da Cultura Galega colabora co XIII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, inaugura este mércores (21 de setembro, 18:30 horas) na sede do Instituto Cervantes de Polonia a exposición Galicia imaxinada, que retrata a Galicia dos emigrantes a través de vinte paneis que permiten visualizar a influencia da emigración na creación da imaxe de Galicia en no século XIX. A exposición forma parte do programa do XIII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos que se desenvolve na Universidade de Varsovia ata o 24 de setembro. No marco desta cita, que leva por título “Abrindo Rutas, Expandido Camiños. Novas perspectivas e interseccións nos Estudos Galegos”, o CCG promove un panel sobre a internacionalización da literatura galega e a proxección do filme de Eloy Enciso Longa noite.

O Consello da Cultura Galega colabora coa Asociación Internacional de Estudos Galegos na organización do seu congreso anual, cita clave para a proxección da cultura galega. Faino con diferentes actividades que afondan na importancia da internacionalización da cultura galega como son unha exposición, un panel do congreso e a proxección (máis coloquio posterior) dun filme.

A exposición
A presidenta, Rosario Álvarez; o Embaixador de España en Polonia, Ramiro Fernández Bachiller; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; máis o director da sede do Instituto Cervantes, Abel Antolín Murcia Soriano serán os encargados de inaugurar esta cita que estará aberta ata o 5 de outubro.

Galicia imaxinada é unha mostra organizada polo CCG que permite coñecer o legado da emigración na construción da identidade galega. Unha mostra que revisa a influencia das colectividades galegas emigradas en América na configuración do símbolos de identidade de Galicia. Faino a través de revistas porteñas como Céltiga, Suevia e Almanaque Gallego, xunto coas habaneiras Eco de Galicia e Tierra Gallega que alén de reconstruír a Galicia dos emigrantes: símbolos, tradicións e tópicos, permite tamén acadar unha imaxe completa da cultura visual da época.

Un panel para abordar a internacionalización
O CCG é o responsable da organización do segundo panel do Congreso, que baixo a moderación de Attilio Castellucci abordará a tradución coma unha ferramenta para a internacionalización. No marco deste panel participará Aleksandra Jackiewicz, da Universidade de Varsovia, que ofrecerá un relatorio titulado “Defender o fervor na tradución. Algúns apuntamentos sobre a poesía de Adam Zagajewski en galego e en español”. De seguido, María Filipowicz-Rudek, da Universidade laguelónica, pregúntase se é posible construír un diálogo intercultural a partir de semellanzas e diferenzas entre as dúas Galicias?. O terceiro relatorio corre a cargo de Kathleen March, da Universidade de Maine, que abordará a importancia de traducir, dixitalizar, espallar a literatura galega. Pecha María Reimóndez, investigadora independente e tamén tradutora, cun relatorio titulado “Autora traducida, tradutora de autoras: reflexións sobre a internacionalización da literatura galega dende a teoría e a práctica feminista e decolonial da tradución”.

Proxeccións audiovisuais
A participación do CCG conclúe o xoves coa proxección do filme Longa noite, dirixido por Eloy Encido e producido por Beli Martínez, que participará no coloquio posterior. O filme narra a historia dun home que volve á súa vila natal no rural trala guerra civil. Un regreso que provoca un reencontro entre gañadores e vencedores que racha co discurso oficial.