Regresa o ciclo Pensarmos cunha conferencia sobre a discriminación no dereito

A filósofa do dereito Maggy Barrère (Donostia, 1957) participa mañá, mércores 21 ás 18:00 horas, no ciclo de reflexión Pensarmos cunha conferencia titulada Dereitos e discriminación na “nova normalidade”: unha mirada iusfeminista. A súa intervención desenvolverase en formato dialogado co maxistrado Xermán Varela. A iniciativa, coordinada por Celia Pereira Porto, enmárcase dentro das actividades da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG). A sesión é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e das redes sociais da institución.

O ciclo Pensarmos retoma a súa actividade despois do verán para continuar afondando no que se entende por normalidade. Desta volta, a convidada é Maggy Barrère, que reflexionará sobre o concepto de discriminación no dereito dende as bases do pensamento crítico e a teoría iusfeminista. A autora destaca na súa traxectoria por cuestionar certas nocións hexemónicas da cultura xurídica e propoñer a necesaria revisión do dereito a través dunha mirada interseccional e feminista. A súa intervención seguirá o mesmo esquema que as restantes do ciclo, onde a persoa convidada dialoga cun especialista no tema. Neste caso, a conversa estará conducida polo maxistrado Xermán Varela e, previamente, haberá unha breve presentación a cargo da coordinadora da sección, Celia Pereira Porto.

Sobre esta sesión
Maggy Barrère Unzueta (Donostia, 1957) é catedrática de Filosofía do Dereito e directora da Clínica Jurídica por la Justicia Social da Facultade de Dereito da Universidad del País Vasco (UPV/EHU). A súa área de investigación céntrase na filosofía analítica, o dereito antidiscriminatorio, o iusfeminismo e a revisión das ensinanzas xurídicas. Entre as súas últimas publicacións, destacan algunhas como Feminismo y Derecho. Fragmentos para un Derecho antisubordiscriminatorio (2019), La violencia de género desde una perspectiva sistémica y su proyección en la cultura jurídica (2019), La introducción de la interseccionalidad en el derecho con especial referencia a la legislación sobre igualdad de mujeres y hombres (2021), Discriminación, género e interseccionalidad en el Derecho Penal (2021) e Igualdad y no discriminación en tiempo de pandemia (2021, en coautoría con Andrés Gascón Cuenca, Agustina Palacios e Paulina Ramírez Carvajal).
Xermán Varela Castejón (Pontevedra, 1975) é maxistrado dende o ano 2001. Durante a súa traxectoria, participou na dirección da Revista Xurídica Galega e foi membro de Jueces y Juezas para la Democracia, do Grupo de Estudios de Política Criminal e do Grupo de Estudos Xudiciais. Así mesmo, formou parte da comisión que redactou o Dicionario Xurídico Galego. A súa actividade profesional e as súas publicacións céntranse en aspectos do dereito procesual e do dereito penal.

Pensarmos
En xaneiro de 2019 a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo Pensarmos, unha proposta de charlas, debates e intercambio de ideas co obxectivo de abordar os problemas da actualidade. A posverdade, os fascismos dixitais, as tecnopersoas, a precarización da vida, a perda de liberdades, a deterioración medioambiental ou o poshumanismo foron algunhas das temáticas que se trataron no marco deste foro, polo que pasaron xa máis dunha vintena de conferenciantes como, por exemplo, Javier Vilanova, Belén Gopegui ou Juan Jacinto Muñoz-Rengel por citar só algúns dos máis recentes. Todas as intervencións están gravadas e, salvo desexo expreso dos autores, pódense consultar tanto desde o sitio web institucional como dende a nosa canle de YouTube.

Sección de Pensamento
Esta cita está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, coordinada por Celia Pereira Porto e que ten como membros a Mariló Candedo Gunturiz, Francisco Castro Veloso, Nieves Herrero, Marta Lois González, Ramón Máiz Suárez, Luisa Martínez Lorenzo, Xoán Antonio Pérez Lema e Juan Tallón. Xunto con este ciclo, a Sección de Pensamento desenvolverá proximamente en Santiago de Compostela e Ourense o II Festival de Filosofía de Galicia (30 de setembro¬¬¬, 1 e 2 de outubro de 2022), unha proposta que busca ofrecer un modo atractivo de achegarse ao pensamento e á reflexión a través de mesas redondas, cafés filosóficos, proxeccións audiovisuais e espectáculos de danza, teatro e poesía. Entre algunha das outras actividades organizadas no marco desta Sección está a revisión de figuras destacadas no mundo do pensamento como Heidegger, Simone Weil, Albert Camus, Hannah Arendt ou Karl Marx e, en particular, da conexión que estas tiveron con Galicia.

Outras noticias que che poden interesar