Unha xornada analiza a internacionalización da cultura galega a partir das viaxes da Xeración Nós

Florentino López Cuevillas, Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Jesús Bal y Gay ou Vicente Risco son algúns nomes destacados da Xeración Nós. As súas viaxes, reais e literarias, serviron para situar a cultura galega en pé de igualdade con outras culturas. Sobre esas viaxes, a súa importancia e as consecuencias que tiveron, afonda a xornada Os camiños de Nós polo mundo que o Consello da Cultura Galega e a Fundación Vicente Risco organizan en Allariz este sábado 17 de setembro. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto coa alcaldesa, Cristina Cid Fernández e a presidenta da Fundación Vicente Risco, Celia Pereira Porto, serán as encargadas de inaugurar esta cita que será gravada e se subirá á rede con posterioridade.

“Na xornada buscamos destacar a importancia que tiveron as figuras da Xeración Nós, a través dos seus periplos vitais e literarios para traer elementos e achegar riquezas doutros territorios ao tempo que poñían en conexión con outras culturas” explica Xosé Rodríguez, coordinador desta cita que xunta no programa figuras consolidadas como o historiador e ex-presidente do CCG, Ramón Villares, canda outros nomes menos coñecidos como Samuel Diz ou Iria-Friné Rivera que ofrecerán unha análise desde puntos de vista pouco frecuentados.

O programa
A cita comeza con dúas conferencias que sitúan o contexto das viaxes de estudo realizadas polos diferentes membros da Xeración Nós. A primeira delas leva por título As viaxes de estudos previas a 1936: diálogo entre disciplinas científicas “Viaxes europeas da Xeración Nós” e corre a cargo de Ramón Villares, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela. Na segunda, o historiador Ricardo Gurriarán, falará de O contributo modernizador da JAE e (de) Cadarso no ámbito científico-experimental, mediante as viaxes ao estranxeiro na universidade galega (1900-1936).

De seguido terán lugar os relatorios individuais que revisarán as viaxes de figuras xa moi estudadas da Xeración Nós pero con novos enfoques. O intérprete e investigador musical, Samuel Diz, analizara a figura de Bal y Gay desde a súa estadía en Cambridge ata o se exilio en México a través da súa relación con John B. Trend.

Malia que a figura de Risco e a de Castelao están moi estudadas no ámbito político, na xornada abordarase esta conexión atendendo á súa face artística. No caso de Risco, Iria-Friné Rivera Vázquez, historiadora da arte e padroeira da Fundación que leva o nome do autor, ofrecerá un relatorio titulado A vida nunha viaxe. Vicente Risco de París a Viena en 1930. Sobre Castelao falará Ángeles Tilve, que fará un percorrido pola viaxe que o autor de Sempre en Galiza fixo en 1921, pensionado pola Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE) e que o levou por Francia, Bélxica e Alemaña para coñecer e afondar na tradición artística e nas linguaxes das vangardas europeas contemporáneas. Aquela estadía durou dez meses e tivo un gran impacto na súa evolución artística e literaria, así como no desenvolvemento da arte galega do século XX. As impresións sobre as numerosas actividades culturais ás que asistiu e as súas reflexións sobre a arte e as obras que puido ver nos museos e exposicións que visitou quedaron recollidas no seu Diario cuxo manuscrito orixinal se conserva no Museo de Pontevedra.

O doutor arqueólogo, José María Eguileta Franco, e o catedrático de Lingua e Literatura Galega no Ensino Medio, Afonso Vázquez-Monxardín, dialogarán sobre a viaxes e contactos de Nós e Florentino López Cuevillas. Pecha a sesión a conferencia de Patricia Arias Chachero, profesora e secretaria da Fundación Otero Pedrayo, que analizará o vínculo entre Pedrayo e América.

Todas as intervencións serán gravadas para subirse posteriormente á hemeroteca

Outras noticias que che poden interesar