NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega lembra a Antolín Faraldo no bicentenario do seu nacemento

Hoxe, 2 de setembro, é o bicentenario do nacemento de Antolín Faraldo (Betanzos, 1823- Granada, 1853). Manuel Murguía dixo del que "fue el primero y el mejor". O primeiro en marcar o horizonte do autogoberno galego; o mellor porque se entregou até coa alma pola liberdade malia padecer persecución, censura, exilio e represión. A súa entrada, asinada por Xurxo Martínez, acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia, colección biobibliográfica que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

“Encarnou o primeiro firme paso adiante para que o pobo galego tivese autonomía política” explica Xurxo Martínez G0nzález, autor da biografía de Antolín Faraldo. Nela fai un percorrido pola súa biografía en diferentes ámbitos. “Como xornalista integra a redacción de varios periódicos galegos e españois. Destacamos El Recreo Compostelano de 1842 (onde Murguía afirma que se asentaron as bases do nacionalismo), El Porvenir de 1845 (o título máis importante da Xeración de 1846 e o proxecto máis persoal de Antolín) e La Europa de 1851 (pechado por petición do Vaticano). O seu estilo acadou unha rápida madurez ofrecéndonos textos de gran calidade literaria (por exemplo, os dedicados á polémica sobre o suicidio) e de gran relevancia filosófica (por exemplo, «Nuesta bandera literaria»)” explica Martínez na entrada.

Da súa face de historiador destaca que Faraldo foi seguidor das teses enunciadas na Historia de Galicia de José Verea Aguiar, do que recoñeceu que “a diferenza deste, realiza unha interpretación política de maneira que no pasado se xustifica o carácter nacional galego. En la historia se aprende la libertad, escribiu en El Recreo Compostelano”.

Ademais, como militante político serviu nas filas do Partido Progresista na súa tendencia máis radical. Martínez apunta que “o republicanismo, o dereito á revolución ou a defensa íntegra da liberdade serían as súas bandeiras. Todo isto mesturouse cun pensamento provincialista (entendido como unha fase primixenia da construción do discurso nacionalista) que se expresa a miúdo nos seus textos. De maneira máis ou menos diáfana, presenta un concepto democrático de nación: Galiza será unha nación cando o pobo galego tome conciencia de selo”.

Na súa entrada do Álbum inclúe tamén ligazóns a documentos relevantes e outros materiais que axudan a coñecer a súa figura.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con 630 entradas e as máis recentes son as de Urbano Feijoo, María Luisa Pérez Soba, Daniel García Ramos ou Jaime Pacheco.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.