NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega colabora co Festiletras cun espectáculo sobre a orixe da auga salgada

O Consello da Cultura Galega (CCG) colabora un ano máis co Festiletras, festival organizado pola Fundación Eduardo Pondal na Aldea do Couto (Ponteceso). Nesta ocasión faino co espectáculo dos Quinquilláns Por que é salgada a auga do mar?. A función terá lugar este venres (2 de setembro) na eira da Praza do Quinteiro.

A Fundación Eduardo Pondal organiza desde 1982 un festival que serve de escaparate de numerosas iniciativas culturais e que pretende afondar na idea de que a cultura non é só espazo para as grandes cidades. O CCG, no marco do cumprimento do seu mandato fundacional, colabora nesta cita co espectáculo Por que é salgada a auga do mar?, unha obra na que a tripulante Rías Baixas e o tripulante Norai interpretan a dous científicos con dúas hipóteses para explicar a salinidade das augas do mar. Mentres Norai cre máis nas teorías científicas, Rías Baixas pensa que é grazas a unha lenda cuxos protagonistas viviron nun lugar moi preto. Tras representaren a lenda da auga do mar, os dous tripulantes organizan unha grande expedición aos fondos mariños encontrándose con peixes xigantescos e facendo partícipes a toda a comitiva de grandes descubrimentos.

Os quinquilláns
Desde 1989 a compañía de Os Quinquilláns vén realizando espectáculos de rúa, infantís, montaxes de sala, escenificacións ad hoc e visitas teatrais. Entre as súas montaxes destacan As Viaxes Fantásticas (1996), Irmandiños (1998), Moby Dick (2004), A Diáspora (2005), O Mago de Oz (2005), No fondo do mar (2007), Arrieiros (2008), Francesco e os paxaros (distribuída tamén en Italia e Francia ), Merlín (2013) e O Capricho do teatro, baseada na obra de Roberto Vidal Bolaño.

A partir de 2013 a compañía especializouse en visitas teatrais con numerosas representacións en lugares emblemáticos da cultura galega como o: Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro, dolmen de Dombate, castro da Cidade de Borneiro, castro de Santa Tegra, castelo de Vimianzo, Castelo de Monterrei, castelo de Moeche, castelo de Sobroso, A Batalla de Altamira en Brión, Torres do Allo en Zas, Pazo de Oca, Ribadeo Indiano, Batalla de Cacheiras en Teo, Per Caminho de Lampai en Teo ou A Raíña Lupa e o Encanto do Pico Sacro en Boqueixón entre outras moitas.