NOTICIA

----

O Álbum de Galicia suma a entrada do fotógrafo Jaime Pacheco

A nova entrada do Álbum de Galicia incorpora a figura de Jaime Pacheco (Freixo de Espada à Cinta, Tras os Montes-Bragança, 1878 – Vigo, 1954) a cabeza visible dun dos estudos fotográficos máis senlleiros de Galicia. Unha entradada que asina o fotógrafo Vítor Vaqueiro.

Jaime Pacheco foi a figura máis destacada da Casa Pacheco. As súas cámaras retrataron nomes recoñecidos como os escritores e militantes das Irmandades da Fala Armando Cotarelo e Antón Villar Ponte, o poeta Ramón Cabanillas, os pintores Carlos Maside e Manuel Colmeiro e, naturalmente, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Pero tamén deportistas, traballadoras, homes, mulleres e crianzas vestidos con disfraces de entroido, ao carón de xentes que precisaban posuír un retrato con finalidades de identificación, co desexo de gardar a lembranza do familiar emigrado, de fixar para sempre o día do casamento ou fotografía postmortem daquelas ou daqueles que se foran definitivamente. Paralelamente a este labor, achábase a reportaxe en exteriores, imaxes para prensa e tamén os interiores e os exteriores da guerra civil. Rematada a contenda, Estudios Pacheco continuará o seu labor de documentación social, condicionada polo goberno da época. Iso explica as imaxes do discurso de Franco na Alameda (1942) ou os encarapuchados de Semana Santa (1947).

Á súa morte, en 1954, fechase o período máis brillante de Casa Pacheco. A partir deste momento, continuarán co traballo de rúa e estudio o seu fillo Jaime e, exclusivamente de rúa, o sobriño Horacio, con Alberto dedicado a labores de natureza maioritariamente comercial, aínda que igualmente con presenza no estudio e mesmo, ás veces, traballando no laboratorio.

A entrada dá conta dos seus avatares biográficos ademais de incorporar ligazóns e outros documentos de interese para completar a súa historia.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.