NOTICIA

----

A mostra "A parroquia para sempre" amosa a vida rural do interior de Galicia nos anos 50

O militar e fotógrafo afeccionado Jesús Faílde Oro retratou os seus veciños da aldea de Friufe, en Agolada (Pontevedra) durante os anos cincuenta. Un traballo que permite coñecer a vida cotiá desta parroquia pontevedresa no seu traballo diario pero tamén nas súas celebracións. Unha escolma dese arquivo pódese ver en A parroquia para sempre. Jesús Faílde Oro. Memoria gráfica das xentes de Agolada (1950-1960) que o xerente do Consello da Cultura Galega (CCG), Marcelino Fernández; o alcalde do concello de Agolada, Luis Calvo; e os representantes do Colectivo Baluarte dos Pendellos, Manuel Busto e Xaime Varela, xunto co autor inauguraron esta mañá en Agolada. A exposición tamén se pode ver en liña no sitio web do CCG.

A exposición “A parroquia para sempre” amosa unha corentena de fotografías realizadas por Jesús Failde Oro na década dos cincuenta, un momento no que o rural estaba en plena mudanza. É unha fotografía amadora pero que conserva planos, encadres, detalles, grandes innovacións e un estilo propio dos fotógrafos profesionais e semiprofesionais da época. Hai ademais, numerosas innovacións. Pódense ver abondosos selfies do fotógrafo, con moita espontaneidade, que revelan tamén o carácter innovador deste fotógrafo.

Manuel Busto, o grande impulsor do recoñecemento do legado deste creador, afirmou na inauguración que “estas imaxes serven para notariar a vida desta parroquia do interior de Galicia desde un punto de vista histórico, etnográfico e costumista”. As imaxes de Faílde amosan as mudanzas que estaba a vivir o mundo rural galego da época, na que convivían as innovacións técnicas cos elementos tradicionais. “Hai imaxes de motos e de bicicletas canda outras de carácter costumista que amosan os preparativos para visita dun bispo, para adornar as rúas, pero tamén un carro que se empregaba para o transporte de paquetes de mercadorías entre Agolada e Friufe" explicou Busto. A exposición, de cáracter itinerante, estará aberta ata o vindeiro día 12 de agosto nos Pendellos de Agolada.

Arquivo doado ao CCG
Esta mostra contén unha parte reducida do arquivo fotográfico completo que en xullo de 2016 o propio fotógrafo amador doou ao Consello da Cultura Galega. Jesús Faílde, a súa muller, Manolita Picallo, e a súa filla, Raquel Faílde, xunto con Xaime Varela Sieiro e Manuel Busto fixeron a cesión das 450 imaxes (en formato dixital) que compoñen o arquivo fotográfico, para a súa custodia, preservación e divulgación.
Unhas imaxes que vén agora a luz por primeira vez no marco dunha exposición, aínda que xa foron divulgadas a través do blog que Manuel Busto, membro do Colectio Baluarte, mantén activo.

Jesús Faílde
Jesús Faílde Oro nace en Friufe (Agolada) en agosto de 1936, nunha familia de labregos. Fixo carreira militar en Pontevedra, onde transcorrería maiormente a súa vida. Foi nos anos 50 cando os seus tíos emigrados en Cuba lle traen unha cámara Kodak Duaflex coa que comeza a súa afección pola fotografía. Con aquela cámara e varios manuais que conseguiu, aprendeu de maneira autodidacta a técnica fotográfica. O resultado pódese ver e no seu extenso arquivo no que se aprecian composicións costumistas que retratan personaxes, festas, traballos e tradicións da súa aldea natal e dos arredores. O conxunto das súas imaxes convertérono en cronista involuntario dunha época e dun lugar nos a que fotografía tiña unha presenza escasa. Do seu legado sorprende a calidade técnica e a elaborada composición das tomas así como o inxente número de imaxes captadas.