Unha xornada lembra o Galician Programme que emitiu a BBC

Neste 2022 cúmprense 75 anos do inicio das emisións do Galician Programme. Foi a primeira vez que o noso idioma contou cunha programa regular de radio e tivo lugar desde a prestixiosa emisora a BBC. Impulsado por un produtor da Sección Española, o exiliado ourensán Alexandre M. Raimúndez, mantívose activo entre 1947 e 1956. Polos seus micrófonos pasaron Plácido Castro, Leuter González Salgado, Felipe Fernández Armesto, Xosé Ramón Fernández-Oxea "Ben Cho Sey" e Francisco Fernández del Riego, entre moitos outros. O Consello da Cultura Galega (CCG) destina este martes unha xornada para contextualizar este fito e, de paso, homenaxear aos seus artífices. A cita é presencial pero pode seguirse en directo a través da web da institución.

Ás 23:45 horas do 14 de abril de 1947 comezaba a primeira programación radiofónica estable en galego, unha xanela aberta á difusión da lingua e da cultura galegas en pleno franquismo desde a reputada BBC de Londres. Os micrófonos do Galician Programme permitiron oír desde calquera aldea de Galicia colaboracións das figuras máis importantes da nosa cultura ata que en 1956 as presións do Goberno de Franco acabaron con el. O espazo emitíase, cunha duración variable, cada tres semanas dentro do Spanish Programme, alternándose cos dedicados ás culturas catalá e vasca. Foron un capítulo moi significativo da estratexia do galeguismo para estar presente no espazo internacional da comunicación logo do que significou a Guerra Civil.

O programa
A xornada está artellada arredor de catro mesas. A primeira delas, moderada por Xulio Ríos, leva por título “Radiodifusión exterior, franquismo e Guerra Fría” e nela participan a profesora e directora de cine, Margarita Ledo Andión, e Luis Zaragoza Fernández, xornalista de Radio Nacional de España e historiador. De seguido, María Xosé Porteiro modera outra mesa que analiza o papel da BBC e as súas emisións exteriores. Con Guy Hedgecoe, correspondente da BBC, e Inma Gil Rosendo (que intervirá de maneira telemática), xornalista multimedia e analista de datos e estratexia en YouTube para o departamento de Desenvolvemento Dixital do Servizo Mundial da BBC.

A cita continúa pola tarde con dúas mesas: a primeira afonda nas emisións en catalán e éuscaro na BBC a cargo de Cinto Niqui Espinosa, doutor en Ciencias da Comunicación e director do programa “L’altra ràdio” de Radio Nacional de España (que participa por videoconferencia) e outra por Leyre Arrieta Alberdi, doutora en Historia Contemporánea e profesora titular da Universidad de Deusto. Esta conversa contará coa moderación de Tino Santiago. A segunda e última consiste nun diálogo entre Afonso Vazquez-Monxardín, catedrático de Lingua e Literatura Galega no Ensino Medio e autor dunha publicación sobre este programa, mais Antonio Raúl de Toro, catedrático honorario de Filoloxía Inglesa na Universidade da Coruña. María Obelleiro é a encargada de moderar esta mesa que analizará o galego nas emisións da BBC.

Outras noticias que che poden interesar