Unha xornada do Consello da Cultura Galega propón unha reflexión multidisciplinar sobre o corpo

Ao fío do 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo. LGTBI, a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega propón anualmente unha xornada debate. Nesta ocasión, a cita desenvolverase este luns 20 baixo o título “Pensar con Orgullo III. Corpos en rebeldía: aproximacións interdisciplinarias”. Unha sesión de reflexión que sirva para tender pontes na sempre complexa relación entre o corpo, a sexualidade, o desexo e o sexo/xénero, desde unha proposta interdisciplinaria. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez e a coordinadora da Sección de Pensamento, Carme Adán, serán as encargadas de inaugurar esta cita presencial que tamén se poderá seguir en directo a través da web e das redes sociais da institución.

“O corpo non é neutral” explica o programa da actividade que parte do feito de que “habitamos corpos concretos que se interpretan como entidades pasivas nun sistema de relacións sociais. Con todo, algunhas marcas corporais, como o sexo, a discapacidade ou a raza, producen fronteiras naturalizadas mediante a inscrición nos corpos a través da tecnificación lingüística e conceptual do discurso científico. Hormonas, instintos, entidades mórbidas, rexións cerebrais ou os propios instrumentos estatísticos remiten a un proceso histórico e situado no que os corpos importan”. Esta xornada somete a debate a relación do corpo coa identidade desde un enfoque multidisciplinar. Abre a cita Marta I. González García, da Universidad de Oviedo, cun relatorio titulado “Ciencia e valores nas políticas do sexo como variable biolóxica”.

De seguido terá lugar un bloque de relatorios arredor das formas de conceptualizar a corporeidade. Dau García Dauder da Universidad Rey Juan Carlos e Konstantinos Argyriou do Instituto de Filosofía do Consello Superior de Investigacións Científicas, afondarán desde a perspectiva da psicoloxía. Enrique Latorre Ruiz da Universidade de Santiago de Compostela vai analizar como o discurso médico fala do corpo ao longo da historia, pecha este bloque a intervención de María Juárez González da Universidad Complutense de Madrid.

A sesión da mañá remata coa visita á exposición "Sen cancelas. Memorias do arco da vella en Galicia" que está no IES Rosalía de Castro. Trátase dunha mostra con carácter didáctico e divulgativo que fai un percorrido histórico e conceptual sobre a diversidade sexual en Galicia. Está comisariada por Daniela Ferrández e Enrique Latorre.

Na sesión da tarde terá lugar unha serie de reflexións sobre a identidade desde diferentes puntos de vista. Jonathan Ospina-Betancurt da Universidad Europea abordará os corpos trans desde o deporte. Maite Arraiza do Instituto de Filosofía do Consello Superior de Investigacións Científicas e da Euskal Herriko Unibertsitatea máis Alexandre Garrido López da Universidade de Santiago de Compostela, desde o punto de vista científico.

Foro disidencias e identidades sexuais
O Consello da Cultura Galega ten entre as súas preocupación a reflexions sobre a identidade en xornadas coma esta terceira edición de “Pensar con orgullo”. Con todo, neste mes tamén puxo en marcha coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade o “Foro disidencias e identidades sextuais”. Naceu como un espazo pioneiro que permitirá actualizar a información sobre as necesidades das persoas LGTBI para darlles unha resposta axeitada -mediante os recursos e servizos que poidan demandar- e previr as condutas violentas contra o colectivo.

O primeiro encontro de traballo centrarase na participación pública e celebrarase o 6 de xullo, mércores, no Consello da Cultura Galega. O segundo dos encontros desenvolverase no mes de setembro e centrarase nos temas de seguridade, educación e sanidade. Os asuntos laborais, territorio, servizos sociais e idadismo ocuparán a terceira cita, que ten prevista a súa celebración en novembro. En xaneiro de 2023 abordarase a mesa de pensamento, cultura, memoria viva e diversidade sexual. O quinto encontro prográmase para febreiro de 2023 e reflexionará sobre o tema das violencia que sofre o colectivo LGBTIQ. O proceso rematará en 2023 coa elaboración dun informe que radiografíe a situación da poboación LGBTQI en relación con diferentes liñas temáticas como a participación pública, educación, seguridade, eido laboral, territorio, servizos sociais, pensamento, cultura, memoria, diversidade social e violencias.

Para deseñar e conducir este proxecto, o Consello da Cultura Galega formou unha Comisión Técnica Temporal integrada por Marta Lois, Enrique Latorre, Daniela Ferrández e coordinada por Carme Adán.

Outras noticias que che poden interesar