Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural reflexionan sobre a conservación e a xestión dos documentos

O concepto de documento está a mudar con rapidez e non tanto as leis que regulan a súa conservación. A xornada número 37 dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural, organizados pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, pon o foco e reflexionar sobre como han de ser os arquivos que custodian este patrimonio, como se debe abordar a xestión dos documentos dixitais e cal será o papel dos arquivistas. Rosario Álvarez, presidenta do CCG, máis Rebeca Blanco-Rotea e Olimpia Rodríguez, coordinadora e membro da Sección de Patrimonio respectivamente, inaugurán esta actividade presencial que tamén se pode seguir en directo a través da web e das redes da institución.

A nova sesión dos Encontros Monográficos do Patrimonio Cultural busca afondar no concepto do patrimonio documental. Segundo a Lei de patrimonio cultural de Galicia e a Lei de patrimonio histórico español, os documentos forman parte dese patrimonio se os produce ou os reúne unha administración pública e, cando se trata de documentos de orixe privada e cunha antigüidade determinada. Unha definición limitada tendo en conta a realidade actual coa aparición dos documentos dixitais que urxen introducir cambios para que os centros da memoria participen na conservación/xestión dunha memoria non discriminatoria en razón de sexo, raza ou orixe rural. Esta xornada busca pensar sobre como serán os arquivos que se deberán conservar, como se construirá o patrimonio documental ou como ese patrimonio se vinculará a otros. Unha reflexión oportuna neste tempo de mudanzas no que a profesión está a debater se deben tratar documentos electrónicos, datos, documentos que se crean en contornas que estiveron fóra dos arquivos convencionais: movementos feministas, documentos do íntimo, álbums, cartas persoais, testemuños orais... enter otros aspctos. O papel dos centros e a definición das tarefas dos arquivistas son aspectos destacados que se abordarán nesta xornada que coordina Rosa Benavides.

O programa
Luis Martínez García, coordinador xeral de Arquivos e director do Arquivo de Castela-A Mancha, será o encargado de abrir a cita cun relatorio titulado “Necesitamos un novo modelo de patrimonio documental nun mundo dixital?”. De seguido, María Dolores Pereira Oliveira, directora do Arquivo Histórico Provincial de Lugo e membro do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG (CDIF), tratará de respostar á cuestión de que é para quen son os Arquivos e patrimonio documental. Pecha a xornada, Fátima Rodríguez Coya, arquiveira do Goberno do Principado de Asturias, cunha intervención titulada “Perspectivas para un legado documental en común”.

Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural
Este ciclo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais pretende poñer o foco sobre actuacións en marcha acerca dos bens que conforman o patrimonio galego. Faise con carácter periódico e pretende participar tanto na caracterización dos bens como na formulación dos tipos de protección deses bens. Insírense nunha liña de traballo desta sección que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. O Museo das Peregrinacións, o Camiño de Santiago, as fortificacións romanas ou as igrexas medievais centraron sesións anteriores deste ciclo.

Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Esta xornada insírese nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais da institución que está coordinada por Rebeca Blanco Rotea. Está composta por profesionais como Nieves Amado, Carlos Amoedo, Rosa Benavides, Ana Estévez, Olimpia López, Daniel Lorenzo, Juan Monterroso, Ángeles Penas, Francisco Xabier Redondo, Cristina Sánchez-Carretero, Iago Seara, Luisa Serrano e Hortensio Sobrado.

Outras noticias que che poden interesar